As Meninas realizadas polos centros educativos e colectivos ponteareáns recadarán fondos para apoiar ás mulleres con cancro de mama

32 pezas de arte con forma de Menina buscan agora o patrocinio dos colectivos, empresas e particulares máis solidarios
sdr

Ponteareas | A concellería de Ensino do concello de Ponteareas agradece a todos os centros de ensino e colectivos que participaron na realización das 32 Meninas que serán patrocinadas por empresarios, particulares, asociacións e comercios que de xeito solidario queren aportar un gran de area na loita contra o cancro de mama.
Nesta nova edición das Meninas os fondos recadados destinaránse ao proxecto “Perrucas e panos solidarios” da Asociación Cancro de Mama (ASCAM) Pilar Domingo que axudarán ás mulleres que menos recursos teñan a costear as perrucas e panos oncolóxicos así como a micropigmentación das zonas que a sanidade pública non cubre.

A concellería de Ensino e Participación Cidadá repartirá entre os establecementos de Ponteareas as Meninas

Os e as participantes volveron facer desplegue da súa creatividade con deseños de marcado contido social nos que aproveitar o lenzo das Meninas para reclamar a igualdade de xénero, a necesidade da reciclaxe, a inclusión social ou a loita contra o acoso escolar, entre outras mensaxes e demandas.

Por iniciativa da concelleira de Ensino, dirixida en funcións por Cristina Fernández, un ano máis procedeuse á recollida das 32 Meninas que ao longo desta semana comezarán a lucir nos establecementos ponteareáns.
A concelleira Cristina Fernández destaca a actitude solidaria e responsable de todos os patrocinadores que axudan ao financiamento de melloras para as mulleres que padecen esta enfermidade e que non oferta a seguridade social. “O meu fondo agradecemento a todos os sectores do ensino que fixeron posible esta acción: dirección dos centros educativos, profesorado, ANPAS, FANPO e alumnado así como aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que acollerán as Meninas provisionalmente antes do Corpus e que agora agardan atopar propietarios solidarios que as patrocinen.

ASCAM Pilar Domingo é unha organización sen ánimo de lucro, fundada en Ponteareas no ano 2017 e que da servizo a todos os concellos do Condado e da Paradanta. Os obxectivos da asociación son o apoio emocional e psicolóxico, promover a soliedariedade entre as mulleres afectadas, fomentar o desenvolvemento persoal, ofrecer información sobre a enfermidade e concienciar sobre a importancia da detección precoz así como contribuír a mellorar a calidade de vida das mulleres e fomentar a súa participación.

A asociación axuda ás afectadas con servizos como o banco de perrucas, a micropigmentación ou descontos especiais en clínicas odontolóxicas, nutrición e centros estéticos.

Ademais ofrece para as asociadas obradoiros de balde de xoiería, pintura, meditación, escritura creativa ou maquillaxe.

Na anterior edición os fondos recadados foron para AVELAÍÑA SAÚDE MENTAL que mercou material deportivo e de fitness como balóns, raquetas ou esterillas que grazas á implicación de todos os patrocinadores farase posible.
Ademais, habilitaron a sala de psicomotricidade que tamén aproveitan para outro tipo de talleres completándoa cun proxector, un calefactor, unha radio e altavoces.