O Porriño | O Entroido segue a encher de ledicia e cor as rúas do Porriño. Despois do vistoso desfile do sábado, que congregou na vila a miles de persoas, continúa a programación deseñada pola concellería de Cultura, que dirixe Bienvenido Estévez.
A proposta do Concello do Porriño para estas festas está pensada para todos os públicos. Fíxose un importante esforzo por incluir actividades para o público infantil e familiar contando co periodo vacacional dos máis pequenos. Unha delas, o Obradoiro de Máscaras para Nenas e Nenos que esta mañá impartiu a Asociación “O Porriño Arte”.
Dende as 11h, pequenas e pequenos artistas tomaron a Praza Arquitecto Antonio Palacios armados con ceras, rotuladores, purpurina e toda clase de materais plásticos para confeccionar as súas máscaras de Entroido coa axuda das pintoras e pintores da asociación.
Martes de Entroido: Desfile de comparsas
A programación de Entroido continúa este martes. Como é tradición, as comparsas lucirán de novo os seus disfraces polas rúas do Porriño.
Serán 8 as que desfilen e o farán polo percorrido habitual.
Ás 18 h sairán do Pabillón Municipal e marcharán pola rúa Antonio Palacios, Avda. Domingo Bueno, Travesía Fernández Áreal, Manuel Rodríguez e Ramón González. Amenizarán o desfile a Batucada Oledum de Coio, as charangas Anchoa e Vai de Baile, Os Beretes e os Cabezudos.