Pontevedra | O Concello das Neves acollerá o vindeiro venres 15 ás oito da tarde a presentación do libro de Xosé Ramón Paz Antón ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1836/1956’ e a conmemoración da eliminación da simboloxía franquista na fonte de San Ignacio e no acceso ao centro de saúde do concello.
O acto contará coa presenza do alcalde Xose Manuel Rodríguez Méndez e o autor Xosé Ramón Paz, ademais da deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen coñecerá ‘in situ’ as actuacións realizadas grazas ás subvencións da Deputación da nova Liña de axudas para a retirada de simboloxía franquista nos concellos da provincia.
Dende o Concello convidan á veciñanza a tomar parte do evento, que comezará no lateral da igrexa das Neves ás 20 horas, onde se manteñen nomes gravados na pedra dos muros da construción de persoas caídas –unicamente- do bando nacional. Alí instalouse un panel explicativo de memoria histórica e será onde se falará das actuacións realizadas no municipio para retirar simboloxía franquista grazas á Deputación.
O Concello das Neves recibiu unha axuda de 1.028,5 euros para actuar na Fonte de San Ignacio, onde se fixo un piqueteado da pedra baixo a figura de San Ignacio onde había un xugo e unhas lanzas; e o portalón de acceso ao centro de saúde onde había tamén un símbolo de falanxe co xugo e unhas lanzas que foi retirado.
Nestes lugares, e tamén na igrexa, instaláronse amais por parte do Concello paneis explicativos do acontecido durante o réxime.
“É preciso actuar para seguir insistindo na correcta interpretación histórica dos feitos acontecidos na guerra civil e ditadura para fornecer unha sociedade máis democrática”, sinalan dende o Goberno local.
Unha vez realizada a conmemoración da eliminación da simboloxía franquista na igrexa, todas as persoas que así o desexen poderán ir cara a Fonte de San Ignacio, outro espazo icónico, onde se fará a presentación do libro de Xosé Ramón Paz Antón ‘As Neves. Notas de historia contemporánea 1036/1956’.
Alí farase un repaso de boa parte da historia do concello, dende a creación do Concello Constitucional de Setados e a súa actividade decimonónica, pasando pola educación no século XIX, as forzas conservadoras do Bugallalismo (1892-1930), o Agrarismo, a II República, e o golpe de estado e a represión franquista.