Lugo | A progresiva volta á normalidade das residencias de maiores e centros de día é un feito dende o pasado sábado, logo de que o comité clínico levantara a maior parte das restricións á vista da evidente melloría da situación epidemiolóxica.
Así o constatou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita á residencia da Consellería de Política Social nas Gándaras.
O delegado explicou que as novas normas permiten a vida en comunidade, sen quendas nin grupos burbulla, e saír ao exterior de acordo co regulamento de cada centro. Tamén se flexibilizan as visitas, aínda que a recomendación é que non se xunten máis de dous familiares de cada vez.
“É necesario manter as medidas sanitarias básicas, como o uso de máscara, pero poder compartir as rutinas, o comedor ou as actividades, supón un avance”
“É necesario manter as medidas sanitarias básicas, como o uso de máscara, pero poder compartir as rutinas, o comedor ou as actividades, supón un avance agardado durante meses e que foi posible grazas ao gran esforzo que realizaron os residentes e traballadores dos centros para chegar a este punto”, afirmou Arias.
O delegado mantivo unha xuntanza co xefe territorial de Política Social, Francisco Javier Vázquez; a directora da residencia, Águeda Valín, e os responsables dos distintos servizos do centro para coñecer a situación actual e agradecerlles persoalmente “o traballo desenvolvido no último ano, adaptándose a uns protocolos moi exixentes para conter o virus e dando sempre a mellor atención”. Ao respecto, destacou que ata a data non se rexistrou ningún contaxio entre os residentes das Gándaras.
Entre as obrigas que decaen figura a de cubrir a enquisa epidemiolóxica, cambiar o calzado ou, no caso de profesionais, mudar de roupa en cada saída ao exterior. As residencias retoman as saídas socioculturais, sempre en compañía do persoal, e os centros de día recuperan as rutas de transporte con normalidade.
Os usuarios que por calquera causa non estean vacinados deberán manter as medidas preventivas; mantense a obrigatoriedade da máscara para todos os residentes mentres non cambie a normativa actual, e consérvanse todas as recomendacións hixiénico-sanitarias, como o lavado frecuente de mans ou a boa ventilación.
Arias recordou a importancia da inmunización e instar a todos os cidadáns “a que acudan a vacinarse cando sexan chamados, porque aquí, e no conxunto de centros de maiores que volven paulatinamente á normalidade, temos a mellor proba da súa eficacia”.