Veño de realizar unha breve visita a Moscova. Como sabemos, Rusia é actualmente o país máis sancionado por Occidente: a UE acaba de abrir unha nova rolda de sancións toda vez pide desviar os fondos conxelados a oligarcas rusos no exterior para seguir financiando a guerra en Ucraína. Rusia está fóra do sistema SWIFT que regula as transaccións internacionais.
Non obstante, camiñar polas rúas moscovitas da outra radiografía. A economía rusa segue en pé, sorteando con eficacia as sancións occidentais. Lonxe do colapso económico e político como pretende Occidente, o FMI prevé un crecemento da economía rusa do 2,6% para este 2024. Os supermercados e os centros comerciais en Rusia están abarrotados de víveres e mercadorías. E as multinacionais, practicamente todas, seguen estando presentes. Os bancos e institucións financeiras seguen ofrecendo unha suculenta carteira de créditos. Os servizos públicos funcionan sen ningún impedimento, cunha eficacia que incluso asombra. Cunha clase media en ascenso e unhas elites oligarcas consolidadas, Rusia segue a ser un mercado apetecible.
Agora ben, poden preguntarse: como pode ser isto posible? Tras dous anos de guerra en Ucraína, o Kremlin mantén un eficaz esquema financeiro paralelo que lle permite sortear as sancións. E tamén avanza no terreo militar e, progresivamente, no xeopolítico. Ten socios exteriores que lle axudan neste cometido, especialmente China pero tamén outros países como Turquía, Irán e India. Pode apreciarse unha variable de “des-occidentalización” a favor dunha “asianización” xeopolítica. Rusia mantén firme o seu Fondo de Emerxencia Económica aínda que as novas occidentais prevén que, co ritmo actual de asistencia financeira, só existan fondos de reserva ata o 2025. Mentres a OTAN, EEUU e a UE planifican escenarios dunha guerra aberta contra Rusia para os vindeiros anos, o Kremlin esfórzase en blindarse ante calquera ameaza exterior. Lonxe de ser un paria internacional, Moscova mantén alianzas importantes en Asia, África, Oriente Próximo e incluso América Latina.
“O tema ruso abre unha vella interrogante: serven realmente as sancións?”
O tema ruso abre unha vella interrogante: serven realmente as sancións, en particular cando as mesmas teñen unha velada intencionalidade política? Cuba, Irán, China, Venezuela, Libia, Iraq, Sudán, Bielorrusia, Serbia, Birmania e outros tantos países teñen recibido, en diversas épocas ou simultaneamente, sancións económicas e políticas principalmente dende EEUU e Europa. Israel non, obviamente, ese é outro tema. O esquema de sancións occidentais busca un cambio político ao seu favor nos países afectados. Noutros casos, de non ser este o resultado, ábrese a veda para a intervención militar e a guerra. Sucedeu en Serbia coa guerra de Kosovo en 1999 que acabou co réxime de Slobodan Milosevic; en Iraq en 1991 e 2003 co seu millón de mortos dende a caída de Saddam Hussein; en Libia en 2011 derrubando ao réxime de Muammar al Gadafi.
O problema para Occidente é que Rusia resiste. Pode entenderse por ser un país con recursos, tanto naturais como humanos, cun réxime político fortalecido e con apoio popular e alianzas exteriores efectivas nas que obviamente destaca China. Este panorama non esconde o peso da propaganda oficial, os sutís mecanismos de censura en aras da seguridade nacional ou as deficiencias democráticas e de liberdades existentes nese país, cando menos se os comparamos cos parámetros occidentais. Contrariar a política do Kremlin leva implícito o ostracismo, a prisión ou incluso a desaparición física.
“O problema para Occidente é que Rusia resiste”
Pero sexa por convencemento, coacción ou simplemente indiferenza, a sociedade rusa lexitima ao sistema de poder imperante e a un Putin que se encamiña cara outra reelección presidencial ata 2030 practicamente sen oposición á vista e con amplas cotas de popularidade.
O 24 de febreiro de 2022, cando os efectivos militares rusos cruzaron a fronteira para invadir Ucraína, proliferaron nos mass media e nas declaracións oficiais dos líderes occidentais as mensaxes que auguraban o presunto colapso ruso. Ucraína sería a tumba de Putin, dicían. Hoxe o panorama non pode ser máis diferente, e frustrante, para eses mensaxeiros do desastre ruso. Putin segue firmemente no poder, a economía rusa logra resistir practicamente sen problemas, a sociedade rusa vese con confianza aínda que non menos inquietude.
E en Occidente crece o desencanto, o desgaste coa guerra ucraína e incluso hai quen se atreve a falar dunha negociación. Zelenski pasou de ser o “baluarte da civilización ante a barbarie rusa” a converterse nun estorbo co que Occidente xa non sabe que facer. E as sancións? Ben, grazas, con boa saúde. Sigamos adiante, por se acaso.