A pousada no camiño.
Na nosa Galicia somos en xeral respectuosos coas ideas dos demáis, co seu xeito de vida, coas súas lexítimas opcións políticas, ideolóxicas, relixiosas, sexuais… No noso País as nais solteiras equipáranse en número as casadas, mentres só o 27% da poboación escolle a opción do financiamento á Igrexa Católica na declaración anual do IRPF, o que facemos compatíbel cunha riqueza cultural de fonda ráigame cristiá e precristiá.
Somos o país do sentidiño e da acollida, o que adoptou ao britón Maeloc como bispo na Mariña, o que fundou Compostela sobre o eixo dunha basílica e dunha rúa de negocios rexentados por francos. O que modernamente integrou milleiros de latinoamericanos (moitos con sangue galego) e caboverdianos como cidadáns tan galegos coma os de orixe, demostrando que a cor ou o nacemento non determinan a galeguidade, senón a vontade de vivir e traballar na Galicia.
Existiamos como reino dende o sèculo V, cando os reis suevos formaron o primeiro “regnum” da Europa. Falamos unha lingua de noso dende o século X. Fixemos a Catedral, cocreamos a Europa moderna dende o Camiño de Santiago, abrimos o noso País ás civilizacións marítimas dende os nosos portos de Viveiro, Ribadeo, Noia, Baiona, Vigo. Muros, Coruña ou Ferrol. Construímos a nosa epopea da Galicia exterior, cando os nosos emigrantes, fillos do pobo, recrearon a nosa identidade nacional alén mar e pagaron as fontes, camiños e escolas que o inxusto centralismo español nos negaba.
Logo dun primeiro terzo do século XX que desenvolveu este país equiparándoo coa Europa que contribuimos facer, dende 1936 a ideoloxía extremista do odio matou, roubou e reprimiu, sometendo o País a unha longa noite de pedra onde se suprimiron as nosas liberdades políticas, lingüisticas e culturais, a igualdade da muller ou o dereito á diferenza sexual. Foron tempos de tiranía e negación.
Despois de moitos anos, as vaguedades dunha transición limitada e contraditoria permitiron abrollar outravolta unha forza ultradereitista que visitará Galicia nas próximas horas. Unha forza aliada coas outras dúas ponlas da dereita tripartita arredor dunha axenda imposta polos radicais extremistas de Abascal e acríticamente repenicada por Casado, Alvarez de Toledo, Arrimadas ou Rivera.
Respectemos ás persoas, mais non branqueemos nin normalicemos unha ideoloxía allea ao noso xorne, aos nosos valores liberais e democráticos, ao noso País. Cómpre tomar a serio a ameaza dun partido que non xoga no taboleiro democrático. E loitar ferreñamente contra estes que veñen dende os valores de paz, tolerancia e liberdade cívica, máis tamén dende os valores da nosa cidadanía e da nosa identidade nacional galega.
Porque as súas ideas caducas e extremistas non son benvidas nesta nosa Terra.