Tui | Con motivo do Día da Biblioteca, que se celebrou onte 24 de outubro, a Biblioteca Municipal de Tui recibe este días unha serie de visitas de grupos escolares para coñecer as súas instalacións e servizos.
Ao longo desta semana un total de nove grupos do Colexio Maristas Santa María de Tui visitan a Biblioteca tudense para achegarse ao funcionamento deste centro bibliotecario e coñecer os seus recursos tanto de acceso á cultura como á información.
Onte foron máis de 80 alumnos dos cursos superiores deste centro educativo os que participaron nestas xornadas de portas abertas da Biblioteca tudense. O persoal bibliotecario acompaña aos escolares na súa visita polas instalacións deste centro, para coñecer as súas diversas seccións e o sistema de préstamo de libros de cara á difusión dos seus usos entre os escolares.
O 24 de outubro celébrase en España o Día da Biblioteca que este ano contou cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente baixo o lema “BiblioTEcuida” que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e os seus servizos son un piar fundamental para as comunidades ás que pertencen.