Ribadavia | Música, cor, cantos e danzas que representan a seis culturas diferentes mesturaronse co patrimonio artístico da vila ribadaviense, na última actuación das XXXVIII Xornadas de Folclore neste ano 2023.
Durante dez días as seis agrupacións folclóricas participantes entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.
Esta XXXVIII edición das Xornadas, organizadas pola Deputación de Ourense a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, arrancó coa cerimonia inaugural no Teatro Principal e co triste suceso esa noite do falecemento na cidade do director do grupo sudafricano, George Ofilant.
Organización, espectadores e o resto de participantes neste evento amosaron a súa solidariedade coa agrupación folclórica Amezebra, que tomou a decisión de seguir nas Xornadas como homenaxe e lembranza ao director, coa celebración dun minuto de silencio antes das actuacións.
O grupo Bafopaz de Bolivia, o grupo tahitiano Hei Show Tahití “Ori”, os ecuatorianos de Tungurahua, os arxentinos de Bafolse, os sudafricanos de Amezebra e os compoñentes do grupo ucraíno Poltava foron este ano os responsables de invadir as rúas da provincia de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile dende todo o mundo.
As 180 persoas que conformaron o elenco artístico manifestaron a súa “gratitude” ao público ourensán “pola excelente acollida” e a organización “polo trato recibido e a atención continuada”.