ASECOTUR Condado Paradanta constituíu a súa primeira xunta directiva

Bernardo Acevedo liderará a primeira Asociación de Empresarios do Turismo do xeodestino

Salvaterra de Miño | A Casa do Conde de Salvaterra de Miño acolleu o proceso de elección da xunta directiva constituínte da primeira Asociación de Empresas e Profesionais do Turismo do xeodestino Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas, ASECOTUR Condado Paradanta.

A Alcaldesa, Marta Valcárcel, deu a benvida ás e aos representantes das dezaoito empresas do sector Turismo que, a continuación, procederon á elección da xunta directiva constituínte salientando a importancia deste paso tan agardado e demandado nos últimos anos.

O resultado foi unha lista de seis empresarios/as presidida por Bernardo Acevedo, xerente do CEMAR e polo vicepresidente Rafael Martínez, xerente de Galician Brew. Como secretario Manuel Lage, da empresa Celtic Ways; Noelia Trigo de A Baiuca, como vicesecretaria; Juan Carlos Represas, de A Cantaruxa Maruxa, como tesoureiro e como vicetesoureiro o empresario Jose Rodríguez, de Hotel La Rectoral.

Ademais da votación para crear a xunta directiva, aprobáronse os estatutos que agora entran en proceso de tramitación e legalización. “Un proceso administrativo que se prolongará durante algúns meses nos que xa comezaremos a traballar para deseñar a estratexia de accións a desenvolver”, adianta Bernardo Acevedo facendo gala dunha dos sinais de identidade desta asociación, a acción e a participación, porque segundo salienta “nacemos para ser activos, para ter iniciativas e para secundar as iniciativas de outras entidades do territorio e de fóra do xeodestino. Apoiaremos e seremos parte implicada en todas as accións que sexan beneficiosas para o sector”.

Nesta primeira liña de tarefas axendarán a presentación pública da asociación no mes de maio á que convidarán ao Clúster de Turismo, ao GDR Terra e Auga, á Federación Provincial de Turismo e Hostalería (FEPROTUR) e a todas as alcaldías e institucións de referencia. Tamén comezarán co proceso de deseño de imaxe e plan de comunicación. Ademais, unha vez aprobados os estatutos, organizarán encontros con distintas institucións para dar a coñecer a asociación e a súa liña de traballo.

O presidente Bernardo Acevedo explica que non só se configurou unha xunta directiva constituínte tamén estruturaron a asociación en áreas sectoriais como a vitivinícola liderada por adega As Laxas; a de restauración liderada por Casa La Ojiva ou a das casas de turismo rural encabezada por A Devesa. Pendente queda ir incorporando mesas sectoriais como a de actividades lúdico deportivas ou a de axencias de viaxes. “Iremos reagrupando o traballo por mesas sectoriais conforme se vaian sumando empresas. A entrada na asociación está aberta a todas as persoas emprendedoras centradas no sector Turismo”.

Acevedo convida a sumarse e asegura que as portas estarán abertas, tanto é así que insiste no feito de que a xunta directiva que preside “é constituínte, o que quere dicir que dentro dun ano nos someteremos de novo a eleccións para que poidan optar outras persoas”.

“O xeodestino Condado Paradanta conta cun espazo que dará maior peso ás empresas que traballan no sector e que promoverá a optimización dos recursos turísticos que ofrece o territorio”

Dende xa o xeodestino Condado Paradanta conta cun espazo que dará maior peso ás empresas que traballan no sector e que promoverá a optimización dos recursos turísticos que ofrece o territorio e o aproveitamento das sinerxias para afrontar novos retos. Entre os seus obxectivos está crear un destino de marca, facilitar unha oferta cohesionada, impulsar convenios e establecer alianzas con administración pública e sector privado de turismo, redactar un plan estratéxico do sector, potenciar o turismo e reforzar o xeodestino Condado Paradanta. Esta comunión de intereses vai máis aló e pretende facilitar o acceso a axudas e subvencións dos fondos europeos e administracións públicas e velar por un bo mantemento e mellora das vías de comunicación e infraestruturas, entre outras cuestións.

Abertos a novas incorporacións e suxestións, ASECOTUR Condado Paradanta convida a todas as empresas do sector a participar a través do correo electrónico o asociacionempresasturisticas@gmail.com ou no número de teléfono de presidencia 607 15 57 26

As empresas de hostalaría, de actividades, de servizos ao turista, tecnolóxicas, de transportes ou calquera outra que enfoque a súa principal actividade ao Turismo terán cabida nesta asociación sempre e cando estean en calquera dos dez concellos do territorio: A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. O obxectivo é unirse para consolidar unha oferta pechada, organizada e completa centrada nas potencialidades do territorio e que chegue directamente e con forza ás empresas tour operadoras.