Vigo | O conxunto de asociacións veciñais e a FAVEC constitúen un movemento social no que se organiza a veciñanza de Vigo, é dicir, as veciñas e veciños de Vigo que conviven nos barrios e parroquias da nosa cidade e nos que actúan como unha forza unificadora e mobilizadora. Orixinalmente, pretendía artellar unha resposta veciñal e autoorganizar á veciñanza dos barrios da nosa cidade.
Na actualidade, segue a favorecer o activismo veciñal e o dinamismo dos membros que senten a necesidade de reunirse por mor da boa veciñanza e para a ordenación urbana axeitada, para resolver conxuntamente os seus problemas nos barrios e tamén para desenvolver unha morea de actividades culturais e de lecer. Tamén desenvolve infinidade de actividades deportivas e festivas. e fomenta a solidariedade, o apoio mutuo e os lazos de colaboración entre cidadáns de diferentes barrios.
O movemento veciñal vigués caracterizouse sempre por ser activo e relativamente robusto. Os seus obxectivos son moi variados e entre eles estaría o desenvolvemento da calidade de vida dos veciños e veciñas en todos os ámbitos: organización e planificación urbana, educación, mobilidade, saúde, medio ambiente, liberdades sociais, conservación do patrimonio histórico, asesoría xurídica, formación, cultura,… etc.
Por este motivo, a Asociación Cidadá Galega Fernando Hoyos quere manifestar publicamente a súa solidariedade coa FAVEC ante os actos que están a ter lugar na Praza da Princesa. Cremos que o alcalde e o equipo de goberno municipal están equivocados ao querer desaloxar a FAVEC do seu local social e cremos que a Alcaldía debería proporcionar unha localización alternativa para a FAVEC entrementres duren as obras de acondicionamento do antigo predio. Agardamos que o actual goberno municipal reconsidere a súa posición e non expulse ao movemento veciñal das súas dependencias históricas ou polo menos que lle proporcione unha situación alternativa.