Santiago de Compostela | A Xunta de Galicia anunciou un paquete de medidas urxentes para a Atención Primaria consistentes basicamente en ofertar 400 prazas en propiedade para médicos cuxa cobertura se realizase mediante concurso de méritos sen exame oposición e ofertar sobresoldos a quen realice gardas nos PAC.
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) queremos comunicar que:
1. Estas medidas foron adoptadas de maneira precipitada tras anos de falta dunha política de persoal desastrosa baseada na inestabilidade e a precariedade dos persoais de Atención Primaria;
2. Consideremos que é unha reacción á desesperada, destinada a frear o apoio profesional á Manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade para do domingo día 12 en Santiago, en defensa da Atención Primaria Pública Galega.
3. A adxudicación de prazas en propiedade sen exame é unha cacicada que vulnera de maneira flagrante os principios de Igualdade, Mérito e Capacidade que regulan o acceso ao emprego publico.
4. A hipotética creación de 400 novas prazas contradí o argumento esgrimido pola Consellería de Sanidade, de que non hai médicos para contratar. Isto demostra unha vez máis que a administración sanitaria Galega non é de fiar e falsea a realidade con ocorrencias atropeladas, desprovistas de toda fiabilidade.
5. Ofertar un sobresoldo para ampliar a actividade de profesionais sometidos a unha presión asistencial desbordante, supoñería un risco para a poboación, xa que incrementaría a posibilidade de erros médicos.
6. O que o persoal sanitario necesita é estabilidade e unhas condicións laborais dignas e xustas.