Asociación “Móvete polo TDAH” organiza camiñata de convivencia por un dos tramos do camiño portugués

Ponteareas | A asociación Móvete polos nosos fill@s TDAH nace en Ponteareas en 2018, da man dun grupo de nais e coa colaboración do Centro de Estudos e Psicoloxía Tempos.
Despois do levantamento do estado de alarma, e coa colaboración do Concello de Ponteareas, dámoslle a benvida a nosa primeira actividade cos rapaces e rapazas e as súas familias. Trátase de percorrer unha etapa do Camiño de Santiago, comprendida entre Pontesampaio e Pontevedra. Nos 11 Km de andaina, os nenos e nenas estarán acompañados polas súas familias e polo equipo directivo do centro de estudos Tempos, así como pola terapeuta da asociación, responsable da área de psicoloxía do centro. Tamén teremos o gusto de contar coa presencia de Cristina Fernández, Concelleira de Educación do Concello de Ponteareas.

“Sen perder o equilibrio” é o noso slogan e con el queremos agradecer á asociación Pica Rías Baixas, que ten como obxectivo do seu traballo erradicar o Acoso Escolar e Bulling. Eles acompañarán os participantes coas súas motos nas que están afeitos a manter o equilibrio.

Quedamos o domingo 26 de xullo ás 8:00 h diante do concello de Ponteareas. O desprazamento ata Pontesampaio realizarase en coches particulares, alí iniciaremos a andaina ata chegar ao albergue de peregrinos da cidade de Pontevedra, onde nos recibirá o Presidente do Camiño Portugués, Celestino Lores. Alí veremos unha proxección sobre a nosa etapa explicando os puntos culturais máis destacados. O Concello de Ponteareas convídanos a uns bocadillos no Lago Castiñeiras. Rematará así a xornada de convivencia cos nosos fillos e fillas, que valorarán como a teoría do esforzo traballada por algúns nas sesións de despacho coa terapeuta Ángeles Lores, licenciada en psicoloxía e especialista en trastornos de aprendizaxe, pode transportarse á natureza e sentir como, despois dunha pequena subidiña, chega a recompensa cunha doce baixadiña. No noso caso, este aspecto valorarase coa subida á Canicouva.

Esta actividade é de balde. Os participantes deben anotarse no teléfono da asociación (643152905) ou enviando un correo a: movetepolotdah@gmail.com.

O prazo de inscrición rematará o martes 21 de xullo. Facebook: Movete Polos Nosos Fillos Tdah

.