Asociación Vontade atendeu a 60 nenos e nenas do Baixo Miño

A través do seu programa de Atención Temperá cofinanciando pola Xunta de Galicia

Tomiño | Este Programa de Atención Temperá ofrecido por Vontade foi cofinanciando pola Xunta de Galicia co 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF), destinado ás subvencións para a realización de programas de interese xeral con fins de carácter social, e xestionado pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).

A Asociación Vontade, tendo moi presente a necesidade de traballar dende un enfoque proactivo, dende a prevención e actuación precoz para así fomentar a autonomía das persoas, puxo en marcha o servizo de Terapia Ocupacional.

Con este recurso complétase así a importantísima labor que leva a cabo o servizo de atención temperá da Mancomunidade do Baixo Miño, formada polos servizos especializados de psicoloxía, logopedia e fisioterapia. Ademais, ampliou o recurso con outra serie de servizos especializados de atención á infancia e ás familias, para que unha vez que cumpran 6 anos, poidan ter unha continuidade nas súas terapias. Xa se beneficiaron deste servizo durante este ano 60 nenos e nenas.

Os obxectivos deste servizo son acadar a máxima autonomía posible da infancia na realización das actividades da vida diaria, así como mellorar as súas habilidades comunicativas e psicosociais. Todo isto trabállase dende unha metodoloxía baseada no xogo e coordinándose co resto de profesionais que poidan intervir co usuario ou usuaria como, por exemplo, a coordinación cos centro educativos. Ao mesmo tempo realízase un acompañamento ás súas familias, tanto de información e asesoramento, como psicosocial.

Para poder levar a cabo este servizo individual e especializado, Vontade contou coa cofinanciación de 35.637,14€ da Xunta de Galicia procedentes da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, a cal foi xestionada dende COGAMI.

Dende Vontade, agradecen a tódalas persoas que marcaron a X Solidaria na declaración da renda, no recadro “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”, xa que fan posible que se poidan realizar e dar continuidade a proxectos coma este e asegurar, desta maneira, obxectivos como o de fomentar o acceso a servizos especializados en zonas rurais.

Vontade é unha a asociación sen ánimo de lucro que nace en 2003 ante as necesidades comúns de servizos especializados demandados por persoas con discapacidade da comarca do Baixo Miño. Dende a entidade se traballa para defender os dereitos deste colectivo ofrecendo os recursos precisos para fomentar a autonomía e autorrealización persoal e a inclusión social. Dende o noso centro de recursos para persoas con discapacidade situado en Tomiño, ofrecemos distintos servizos (Centro diúrno-terapéutico, atención á infancia, información e asesoramento, terapias individualizadas, etc.) dende as seguintes áreas profesionais: Educación Social, Fisioterapia, Logopedia, Psicoloxía, Terapia Ocupacional e Traballo Social.

A Asociación de persoas con Discapacidade Vontade atópase situada no barrio A Rocha 19B en Tomiño, 36740. Pódese contactar connosco no número de teléfono 986.62.30.44 ou no enderezo electrónico info@vontade.org. Tamén se pode ter acceso a máis información na nosa páxina web www.vontade.org ou no noso perfil de Facebook @Asociación.Vontade ou Instagram @crdvontade.