Na Declaración Universal dos Dereitos Humanos deféndese a igualdade entre homes e mulleres. A Declaración de Beijing (1995) estableceu obxectivos estratéxicos e medidas para o progreso das mulleres e acadar a igualdade de xénero. No noso país, a Constitución tamén garante a igualdade entre homes e mulleres. Ademais, existe unha Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero (LIVG) que abarca aspectos sociais, asistenciais, comunicativos, sanitarios, educativos, preventivos e penais; e desde 2017 España conta cun Pacto de Estado contra a violencia de xénero que une a institucións, organizacións e persoas expertas na formulación de medidas para a erradicación da violencia sobre as mulleres.
Con todo, 41 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Dúas delas en Galicia. En total son 1074 as mulleres asasinadas desde que se empezaron a contabilizar oficialmente o 1 de xaneiro de 2003. Porén, atendendo aos datos de Feminicidio.net, a lista de feminicidios e outros asasinatos de mulleres cometidos por homes durante 2020 elévase a 79, catro en Galicia.
ASOCIM considera que as estatísticas non reflicten a realidade e complexidade das violencias machistas e que para lograr erradicalas é preciso un cambio estrutural que afecte a tódolos sectores, abarcando desde o ámbito educativo ata o laboral e o dos coidados, pasando polo xurídico, e que tamén chegue ao ámbito político cristalizando en accións e actuacións que prioricen a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
O sexismo é unha das manifestación desas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que provoca a discriminación e impide o avance das mulleres na sociedade. Está presente en tódalas áreas das nosas vidas e prodúcese a nivel individual, institucional e estrutural. Os actos sexistas poden semellar inofensivos mais crean un clima de intimidación, medo e inseguridade para as mulleres. Algunhas son especialmente vulnerables, especialmente as máis novas ou aquelas que traballan en ámbitos maioritariamente masculinos. Mesmo as que ostentan cargos de poder ou autoridade están expostas.
En definitiva, o sexismo aviva e mantén as desigualdades de xénero sendo preciso adoptar medidas para combatelo que axuden a introducir cambios de comportamento e culturais a nivel individual, institucional e estrutural.
Por iso, ASOCIM apoia a campaña do Lobby Europeo de Mulleres en España – LEM España ‘Movilízate contra el sexismo’, proxecto que parte das recomendacións do Consello de Europa e que rematará en decembro deste ano. Erradicar a violencia que se exerce contra as mulleres está na man de todos e todas, e comeza con compromiso de educar ás novas xeracións en valores como a tolerancia, o respecto e a igualdade; propoñendo e fomentando activamente a corresponsabilidade, a coeducación, a construción de novas identidades femininas e masculinas; e rexeitando a violencia de xénero posicionándonos do lado das mulleres e menores vítimas.
O impacto da Covid-19 nos CIM
ASOCIM quere salientar que este ano o traballo desde a maioría dos CIM foi extremadamente difícil por mor da pandemia. Aos problemas estruturais e déficits que arrastran estes espazos (falta de persoal, sobrecarga de traballo, excesiva burocratización dos procesos) houbo que sumarlle o confinamento e incerteza derivada da irrupción da Covid-19 nas nosas vidas.
O papel dos CIM é fundamental por ser os espazos onde poder solicitar asesoramento e apoio, razón pola que as profesionais que traballan a diario coas mulleres e menores vítimas realizan o seu traballo nun contexto que favorece a aparición de estrés, ansiedade e o síndrome burn out. Esta entidade prevé que nos vindeiros meses a crise derivada da pandemia golpeará con forza ás mulleres (perda de traballos, menores ingresos, aumento da carga dos coidados) polo que haberá un aumento de consultas nos CIM, algo que moitos centros non poderán asumir por falta de persoal.
Para reclamar a dignidade das mulleres hai que empezar por acadar a dignidade dos postos de traballo do persoal técnico dos Centros de Información á Muller. Só con CIMs ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar, axudar e orientar ás vítimas.