Asomúsica reivindica unha maior presenza musical no ensino xeral

Manifestación en Santiago de Compostela convocada pola COAEM
A Asociación de Docentes de Música de Secundaria de Galicia (Asomúsica) concentrouse na praza do Toural de Santiago de Compostela para reivindicar unha maior presenza da música no ensino xeral.

Santiago de Compostela | Este 18 de decembro, a Asociación de Docentes de Música de Secundaria de Galicia (Asomúsica) concentrouse na praza do Toural de Santiago de Compostela para reivindicar unha maior presenza da música no ensino xeral (Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato), pedindo que se garantice un maior número de horas en todas as etapas obrigatorias e, en Bacharelato, garantir a optatividade en todas as modalidades ofrecendo materias optativas de música.

Do mesmo xeito, tamén se pediu a recuperación da materia optativa de Artes escénicas e Danza de 4ºESO.

A concentración consistiu nun pequeno concerto coral e unha mostra dunha clase, na que se invitou ao público a participar, cantando, nas pezas que se ían interpretando. A concentración levouse a cabo a nivel estatal, con encontros e protestas ao longo de todo o país, e foi convocada pola Confederación de Asociaciones de Educación Musical (COAEM).

#ALOMLOETAMPOUCOEDUCACONMÚSICA
A Música mellora a concentración, a memoria, a coordinación, a expresión, a capacidade de síntese, a empatía, o traballo en equipo e o desenvolvemento cognitivo. Tamén favorece a integración, o intercambio de ideas, o respecto entre iguais, a creatividade ou o desenvolvemento da intelixencia emocional.

Aínda así os diversos borradores da LOMLOE deixan claro que a materia de Música continuará na súa actual situación de precariedade, cunha presenza claramente insuficiente e incoherente en Primaria e Secundaria.

Non se garante a presenza da Música nin en Infantil nin practicamente en todo o Bacharelato, onde a proposta curricular pretende eliminala como optativa e deixala relegada unicamente á vía do Bacharelato de Artes Escénicas (que actualmente só se oferta en 11 institutos de toda Galicia).

Ademais, desaparece a materia optativa de 4º ESO e a de Artes escénicas e Danza e continúa a ter unha presenza residual na Educación Primaria. A maior parte da cidadanía só vai recibir a educación musical que se lle dea nos centros escolares do ensino xeral.

De verdade queremos unhas aulas sen música?
#EDUCACONMÚSICA