Reelecto como Alcalde para o período 2023-2027, Enrique Cabaleiro (PSdeG-PSOE) aspira concretar un pacto co BNG para gobernar con estabilidade. Entre as súas prioridades e desafíos están o espazo para un novo aparcamento, completar a humanización da vila e constituir con Valença unha nova entidade transfronteiriza como Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)
Pasados os primeiros “100 días” como Alcalde, cales son as prioridades e retos inmediatos?
O proxecto prioritario desta lexislatura ten que ser o do aparcamento, un problema que se está agravando cos proxectos de humanización que se están levando adiante. Dar resolución legal ao que temos neste momento adxudicado e despois, tomando en conta que gobernamos en minoría, buscar consensos políticos para unha solución alternativa.
Ese aparcamento sería diante do Centro de Saúde?
Temos que reformular. A nosa intención era constituír unha Comisión na que estean todos os grupos políticos e os técnicos municipais para ver a mellor alternativa dende o punto de vista político e legal. Temos tamén como prioridades a apertura Sur da rúa Ourense xa en marcha, na que imos facer os pagos das actas de ocupación. Tras asinar o convenio coa Deputación de Pontevedra temos a licitación da humanización da rúa Augusto González Besada e seguir coa política de recuperación de edificios públicos.
Outra prioridade é a resolución do Plan de Sostibilidade Turística (PST) para a recuperación do Teatro Principal. Tivemos unha subvención inicial dun millón de euros a través do Programa Integral de Rehabilitación de Edificios Públicos e agora estamos á espera da resolución do PST en Destinos para poder completar a financiación e rehabilita-lo Teatro. E tamén seguir traballando na recuperación de espazos medioambientais. Acabamos de executar a senda do río Furnia e seguiremos coa do Miño; a Confederación Miño Sil vai iniciar tamén a recuperación da senda do río Caselas. Un dos grandes desafíos desta lexislatura sería a unión natural do río Tripes co río Miño e o Monte Aloia.
En canto á gobernabilidade non tes a maioría.
Temos un goberno en minoría: o PSOE con seis concelleiros, o PP con seis, BNG con 4 e 1 de Converxencia21. Seguimos aspirando a poder integrar ao BNG e formar un goberno maioritario estable. Creo que nos unen máis cousas das que nos diferencian. O BNG mantivo sempre unha postura bastante contraria no tema do aparcamento e é algo que temos que tentar de salvar. Creo que na tesitura actual o PSOE e o BNG estamos condenados a entendernos. Con cerca de 2.000 votantes e dobrando a súa representación municipal o BNG ten responsabilidades para asumir goberno.
“PSOE e BNG estamos condenados a entendernos”
Cal é a alternativa que presenta o BNG en canto ao aparcamento?
Plantea moitas e ningunha. As alternativas teñen que ser plantexadas por cuestións sólidas e realistas e aí non sempre houbo unha definición clara. Fala de establecer unha serie de parques disuasorios no perímetro do Concello pero para establece-los teñen que ser terreos de propiedade municipal que non os hai. Nós somos bastante escépticos con estas alternativas para poder viabilizalas.
Teríades que estar comprando terreos ao redor e tampouco hai moitos.
Sempre falamos da Terceira Área Panorámica porque é o único terreo de equipamento de carácter público. O problema é que moitos terreos son privados e habería que compralos e logo facer un cambio no planeamento para poder convertilos en equipamento. Un exemplo: os terreos de Canfranc na súa maioría pertencen á SAREB; estamos negociando nestes momentos a compra dos mesmos. O custe estimado está no millón de euros e o resto pertence a unha inmobiliaria que pagou por eles 12M€ máis 4M€ de urbanización. Esa é a realidade que temos diante e non llo van a regalar ao Concello para que faga un parking. Iniciaremos a constitución desa Comisión para debater a solución pero a realidade nos avoca a unha única alternativa, nos guste mais ou menos.
Como vai o proceso de modificación das rúas?
Xa o iniciamos na lexislatura anterior. Humanizamos a rúa de Antero Rubín con acceso ao casco histórico; tamén un barrio emblemático, o de Muíños e nas entradas de Tui que estaban en situación de desleixo como a rúa Colón. En xaneiro comezarán as obras na Avenida de Portugal e estamos esperando a resolución dunha subvención para humanizar a Avenida Concordia. Eu falo de dignificación do espazo público, para nós un proceso irreversible e innegociable e que levaremos a cabo con firmeza porque o Concello de Tui leva co respecto a outros Concellos un atraso de máis de 20 anos e obviamente é algo insostible.
En materia de comunicacións está pendente a finalización da autovía Tui-Guarda. Cómo están esas obras?
A Xunta está materializando o enlace co polígono de Areas e a futura vía de alta capacidade. Nese senso estamos satisfeitos porque as demandas de Tui están cubertas. Agora a Xunta deberá atender as demandas dos outros Concellos como O Rosal, A Guarda e o Tomiño porque esa vía leva máis de 20 anos de retraso. Tamén hai unha demanda histórica co goberno central e ADIF sobre o soterramento da vía do tren ao seu paso polo centro urbán de Tui. ADIF está cuantificando a elaboración dese proxecto valorado en preto dun millón de euros. Xa está cuantificada en 12M€ a que vai dende a estación de tren á Praza de Abastos. Pedimos celeridade na tramitación e que se adxudique a licitación para a redacción e execución dese proxecto. Para mín é unha das grandes demandas desta lexislatura.
“A vía da estación de tren ata o centro urbán é unha das nosas grandes prioridades”
A PLISAN, cómo pode beneficiar a Tui?
Pouco ou nada nos vai beneficiar porque non temos unha cercanía espacial á PLISAN. Seguiremso traballando en materia do solo industrial regularizando os asentamentos que temos. Levaremos a pleno municipal o asentamento industrial de Baldráns, estamos na última fase do asentamento industrial en Ribadelouro e estamos iniciando o de Guillarei. Houbo unha proposta na lexislatura pasada de desenvolver o asentamento industrial en Ribadelouro pero existiu unha contestación social ao respecto que obrigou a paralo. Persoalmente creo que é un erro porque Tui necesita recursos financeiros e non podemos renunciar a solo industrial.
Portugal está xogando forte en materia de asentamentos industriais.
Porque Portugal está desenvolvendo unha política pública de solo industrial e, polo tanto, moito máis económico, en condicións máis favorables e as empresas optan por irse. Aquí hai que matizar porque optan por irse as empresas de produción masiva e pouco especializada pero as que apostan pola excelencia prefiren seguir en Galicia. Temos o polígono industrial de Areas promovido con diñeiro público que ao final acabou na especulación privada. Se iso non se corrixe nunca teremos solo industrial competitivo. Tui ten unha ubicación estratéxica de comunicación con Portugal e existe moita demanda de solo industrial que non temos.
“Tui ten unha ubicación estratéxica con Portugal e existe moita demanda de solo industrial”
Demandas dende Portugal?
E tamén dende aquí sobre todo das empresas loxísticas que queren instalarse no Sur de Galicia e non temos solo industrial suficiente.
Como ves que en Portugal hai unha presenza pública e aquí se deixa nas mans privadas?
Portugal, e sobre todo o goberno de António Costa (dimitiu en outubro pasado) nos ensinaron cómo se deben facer as cousas. Levan tempo apostando pola comunicación estratéxica con Galicia, a diferenza do goberno español. Levaron a cabo o reforzamento do porto de Leixões, do aeroporto Sá Caneiro e agora do piar ferroviario para captar recursos do Sur de Galicia.
Eurocidade Tui-Valença e cooperación transfronteiriza. Que proxectos existen para o 2024?
Vendo tamén os cambios políticos na Deputación de Pontevedra, que no seu momento creou a AECT Río Miño, descoñezo que pretende facer agora o goberno do PP con esa AECT. Polo tanto, Tui e Valença debemos aspirar a converternos nunha AECT. Non podemos estar dependendo doutras AECT, temos unha entidade propia, temos a fronteira principal e máis histórica da península, a máis transitada, cun espazo transfronteirizo totalmente urbano e conectado. Ese é o desafío que temos por diante e no que temos que traballar. A verdadeira cooperación transfronteiriza pasa por algo que supera obviamente os ámbitos das competencias locais que son os servizos en protección civil, seguridade, sanitaria, os traballadores transfronteirizos que, se ben existe un convenio, aínda estamos lonxe dunha regulación que protexa e salvagarde os seus dereitos. Quedan moitos temas na mesa para avanzar nunha verdadeira cooperación transfronteiriza.
Hai predisposición da Xunta para iso?
Quero crer que si.
O Camiño Portugués. Hai unha disputa coa Guarda.
Non hai ningunha disputa. Tui forma parte do Camiño histórico portugués. Que despois a Xunta no ámbito das súas competencias en materia de regularización dos Camiños converta rutas turísticas en Camiños me parece ben. Moitos dos peregrinos que fan o Camiño pola Costa fixérono antes polo tradicional. Obviamente defendemos o trazado histórico. As autoridades turísticas portuguesas tamén o defenden. A Axencia de Turismo do Norte de Portugal, cando oficializou o Camiño pola Costa, fíxoo ata Tui-Valença e logo que cada quen decidira ir polo interior ou pola costa. Alén dese debate non hai ninguna disputa. O Camiño goza de boa sáude en materia de peregrinos pero hai que facer melloras en materia de servizos.
“Non hai ningunha disputa coa Guarda polo Camiño Portugués”
Rede de Juderías. Qué quedan dos restos xudeus en Tui?
A Rede de Juderías é tamén un elemento importante de promoción turística de Tui e de valorización do noso legado xudaico, nalgúns casos único en Europa. Quedan vestixios de restos xudeus na nosa cidade en construcións, na Casa de Salomón, na sinagoga, na antiga chacinería xudaica, os sambenitos, referencias bibliográficas importantes como a figura de Francisco Sánchez, a quen lle estamos dedicando este ano polos 400 anos do seu nacemento. Temos o deber de conservar e pór en valor todo este legado.