Atención directa en Ponteareas sobre o novo regulamento de estranxería

Máis de 150 persoas coñeceron as novas disposicións que entrarán en vigor o vindeiro 20 de maio

Ponteareas | O Centro Social de Ponteareas acolleu hoxe a última sesión grupal de asesoramento xurídico ante o inmediato cambio da lexislación que afecta aos inmigrantes e que entrará en vigor o vindeiro 20 de maio co novo regulamento de estranxería.

As 150 persoas da liña de poboación inmigrante do Programa de Emerxencia Social e Inclusión do Concello de Ponteareas foron informadas hoxe dos cambios que esta nova lei entraña en canto aos procedementos, requisitos e prazos. Información esencial, segundo relata a educadora desta liña Mayara Estevam de Limaxa que suporá cambios profundos e unha maior complexidade, en especial nas situacións de asilo político.

En decembro de 2023 botaba andar o Programa de Emerxencia Social e Inclusión do Concello de Ponteareas intervindo nunha soa liña, a das persoas sen fogar, atendidos por unha soa educadora, Montserrat Groba. Ante a realidade de Ponteareas e a intención do grupo de goberno de axudar aos que máis o precisan solicitouse o apoio da Consellería de Política Social para abarcar todas as liñas de actuación posibles. “Precisábamos atender a persoas con casuísticas diferentes e fomos a por todas. Solicitamos ampliar o apoio para as persoas xitanas, para as afectadas polo encarecemento do prezo da vivenda e para aquelas que precisan asesoramento familiar e conseguimos o respaldo da Consellería de Política Social”.

Deste xeito Ponteareas convertíase no segundo Concello de Galicia en traballar todas as liñas sendo só dous municipios os que apostaron tan forte. Un reto importante, segundo salienta a concelleira, “pero ilusionante que nos deixa na liña de poboación inmigrante a 143 persoas atendidas directamente aínda que na realidade máis de 200 porque a persoa usuaria sempre pide tamén asesoramente para a súa familia”. A cifra complétase e suma entre todas as liñas de intervención 290 persoas beneficiarias directas, na realidade máis de 400.

Un apoio de case medio millón de euros de Política Social, 450.000€ para atención directa, que posibilitou dispor de seis educadoras sociais máis, unha asesora xurídica, unha técnica de xestión e unha psicóloga. O programa chega agora a súa fin e remata o 30 de abril estando ata o último día “abertos para acompañar e asesorar de xeito individual porque esta é a principal diferencia respecto a outros programas, o deseño persoalizado”.

“A iniciativa contou cun apoio de 450.000€ por parte de Política Social”

Explican que das 143 persoas, 93 persoas completaron o itinerario que inclúe entrevistas e actuacións de mellora da súa situación persoal. “O resto só precisaba unha atención puntual, no é o mesmo unha persoa que acaba de chegar que non coñece os recursos que unha persoa que leva moitos anos e só precisa atopar un emprego ou mellorar o idioma, cada persoa ten unha particularidade e esta liña permitíu atender a cada persoa dun xeito singular”.

Durante este tempo enfocáronse os esforzos en cursos de alfabetización dixital, de lingua galega, castelán, de preparación de entrevistas, de procura de emprego e valores de acollida, entre outros, desenvoltos por profesionais expertos. Estes cursos facilitaron a preparación dos exames de lingua castelá e o de coñecementos constitucionais e socioculturais de España necesarios para solicitar a nacionalidade. “Aínda que a consecución de emprego non era o obxectivo principal máis de 30 persoas comezaron a traballar porque xa tiñan permiso de residencia pero non atopaban emprego ao non saber inscribirse nas demandas de emprego ou atopar formación gratuíta, entre outras necesidades”.

Nestes intres en Ponteareas hai un número importante de poboación chegada de Brasil ou Venezuela que abandonan os seus países de orixe na procura dun país seguro no que establecer o seu fogar, circunstancia que, segundo a alcaldesa Nava Castro, contará con toda a atención do goberno “que seguirá pedindo apoios para axudar ás persoas que chegan e que apostan por Ponteareas para comezar unha nova vida”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.