Unha novidade substancial das pasadas eleccións nacionais galegas do 18-F foi a atención aos asuntos de proximidade, a atención á axenda galega, a preocupación polos servizos públicos (sanidade, educación, dependencia, servizos sociais), pola calidade do emprego, pola promoción económica, pola moi difícil situación da vivenda en varias das nosas principais áreas urbanas, polo territorio e ambiente natural…
As empresas enquisadoras foron practicamente unánimes nesta atención do electorado polos problemas de proximidade, que son os problemas da cidadanía e os propios problemas de Galicia. O éxito electoral do BNG, con 160 mil novos votos, alicérzase en boa parte na boa lectura que fixo desta pulsión cívica.
En realidade esta atención ao noso vai vencellada a un fenómeno de ámbito europeo. Fronte aos riscos e danos xerados pola globalización financeira, nidiamente amosados na Grande Depresión e, xa que logo, no limitado dos nosos recursos contra as consecuencias da pandemia, boa parte das cidadanías europeas tendemos ollar polas solucións de noso: autonomía alimentaria, comercio de proximidade, soberanía enerxética, coidado do territorio e do rural, atención aos nosos sectores produtivos primarios. Na política parte desta cidadanía vólvese a prol de fórmulas soberanistas e entende cada vez máis a necesidade do autogoberno e dun financiamento acaído do mesmo. Pasou no Ulster, na República de Irlanda, na Escocia, Flandres, Córsega, Euskadi, Nafarroa e Catalunya e pasa en Galicia.
“En realidade esta atención ao noso vai vencellada a un fenómeno de ámbito europeo”
No caso da nosa Galicia, este proceso presenta algúns caracteres notábeis. Como é a converxencia das organizacións ambientalistas e de consumidores e usuarias autóctonas coas reivindicacións dos sectores productivos da agrogandería e do mar-industria (fenómeno que non xurdiu noutras áreas da Europa)
Ou o relativo afastamento da xente máis nova das solucións de extrema dereita. Ao mellor contribúe a esta converxencia a tradición democrática e integradora do galeguismo político e a aproximación á transversalidade social que leva desenvolvendo anos o soberanismo galego.
Esta atención ao noso non ha alicerzar movemento ningún de illamento. Galicia é un país europeo e partilla no contexto político do Estado polo que ha defender os seus intereses (que son os das súas maiorías sociais) en todos os espazos de decisión. Velaí que o BNG, como alternativa de poder, haxa desenvolver traballo de lobby e escoller alianzas estatais, europeas e internacionais que poñan ao país no centro.