Ponteareas | O Ateneo Amado Garra, a través do seu Presidente Roberto Mera, transmitíu ao Concello de Ponteareas a súa preocupación pola decisión do goberno local de instalar un valado ríxido ao longo de todas as alfombras florais na festividade do Corpus que se celebra o vindeiro sábado 1 e domingo 2 de xuño.
A comisión de arte efémero do Ateneo, formada por persoas alfombreiras, tras analizar a decisión municipal, considerou un desacerto que a medida se adoptara “sen previa consulta aos colectivos que representan ás persoas alfombreiras que é quen mellor poderían calibrar e ponderar os pros e contras dese valado.
Cando esta decisión é tomada sen un estudo previo e por persoas alleas ao traballo de confección das alfombras as posibilidades de equivocación son maiores”, sinala Mera. O Ateneo Amado Garra considera que a instalación dun valado destas características pode ter un impacto negativo en diferentes aspectos esenciais desta manifestación artística, que é un dos principais sinais de identidade de Ponteareas.
Así, o Ateneo considera que non é descartábel que o valado ríxido teña un impacto visual sobre as alfombras, ao introducir no seu perímetro un elemento físico moi visíbel e pegado aos tapices florais que pode distorsionar a súa percepción visual. Ao mesmo tempo, e para poder contemplar as alfombras, o público verase obrigado a ca concentrarse e situarse a carón dos valados mentres o sistema tradicional de cordas permitía a visualización das alfombras dende máis distancia e perspectivas.
O Ateneo tamén se amosa especialmente preocupado polas implicacións que na seguridade cidadá pode provocar un sistema continuo de valado ríxido, especialmente en tramos moi estreitos, como a rúa de Oriente, Ferreiros, Reveriano Soutullo ou a baixada da Praza Maior á Costa de San Gregorio.
Diante dunha aglomeración de persoas e unha situación de emerxencia o sistema de cordas é máis flexíbel e ofrece máis oportunidades de evacuación que un sistema de valado ríxido que pode ser unha trampa en situacións de avalancha humana. Ademais, segundo a as informacións obtidas polo Ateneo, o sistema adquirido non permite a retirada de tramos soltos de valados en función das necesidades que se poidan producir.
Nunha liña parecida, o Ateneo advirte que o valado reduce significativamente e pode dificultar o acceso das persoas alfombreiras aos tapices en elaboración que co sistema de cordas podía facerse en calquera punto do perímetro da alfombra e que agora terá que realizarse unicamente por lugares reducidos e específicos.
Por último, o Ateneo explica que a decisión adoptada supón un elevadísimo gasto de alomenos 108.000 euros que non responde a ningunha necesidade nin demanda das persoas alfombreiras e das súas asociacións, e que, sen embargo, teñen demandado outras accións moi necesarias ás que se poderían destinar eses importantes recursos económicos públicos. O Ateneo considera recomendábel que calquera acción e gasto que afecte ás alfombras se adopte previa consulta cos colectivos que representan ás persoas alfombreiras. Roberto Mera anima a todas as persoas relacionadas coa confección das alfombras a integrarse no Ateneo Amado Garra e participar na comisión de arte efémero como foro de estudo, análise e promoción da arte efémera, da que Ponteareas é o máximo expoñente no noso país, recoñecido internacionalmente.