Audiencia Nacional falla a favor do Concello de Tui polo desentullo de Paramos

O Ministerio de Interior deberá aboar a totalidade dos 1.276.709,34 €

Tui | O Ministerio do Interior deberá aboar 1.276.709,34€ ao concello de Tui en concepto de axudas polas obras do desentullo e desamiantado do barrio da Torre, en Paramos, tras a explosión rexistrada en maio de 2018. Así se recolle na sentencia da sección Quinta da Audiencia Nacional que fallou a favor do Concello de Tui no recurso contencioso administrativo interposto polo consistorio.

O Concello de Tui, tras a declaración do municipio coma zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil, presentara dúas solicitudes de axudas ante o Ministerio. A primeira en xuño de 2018 solicitando unha axuda de 389.087,28 €, que fora aprobada, e outra en marzo de 2019 por importe de 887.622.06 € que fora denegada ao considerar que non eran actuacións “inaprazables”, decisión que foi recorrida polo Concello, a quen agora a Audiencia da a razón.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou hoxe a súa satisfacción por esta sentenza que “nos da a razón con esa reclamación de preto dun millón de euros que faciamos para que o Estado nos pagase os gastos que o Concello no seu día realizou para retirar os entullos do barrio da Torre, en Paramos, produto da explosión do almacén ilegal de material pirotécnico”. Enrique Cabaleiro explicaba que no seu momento se asinara un convenio coa Administración do Estado, “ e o Estado a pesar de asinar ese convenio non cumpriu co pagamento” ao considerar que esas actuacións non foran urxentes”. Lembra o rexedor que por unanimidade en sesión plenaria se acordou adxudicar por procedemento de urxencia eses labores de desentullo que ascenderon a preto de 1,5 € millóns de euros, dos que o Estado pagara preto de 400 mil e restaban estes case 900 mil euros”. Engade que “o Concello acudiu á Audiencia Nacional e despois de case dous anos de espera temos esta sentenza favorable”. Porén engadía que “hai que ser cautos porque contra a sentenza cabe a presentación recurso de casación”.

Programación Teatro Municipal
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente, avanzaron hoxe esta programación no propio Teatro Municipal destacando a aposta que o Concello de Tui realiza presentar por unha oferta cultural de calidade, variada, estable e para todos os públicos, que ten convertido ao teatro tudense nun referente tanto en Galicia coma no Norte de Portugal.

Seis serán os espectáculos que se poderán disfrutar neste espazo escénico dende o venres 31 de xaneiro até o venres 14 de marzo. As entradas para todas as funcións poranse á venda este venres, 24 de xaneiro, ás 12 h, en tui.gal

A programación deste primeiro trimestre do ano abrirase o venres, 31 de xaneiro, ás 20 h coa compañía portuguesa Teatro Nacional São João do Porto, que achega á Eurocidade Tui-Valença “Fado alexandrino”. Esta proposta, para público adulto, forma parte dos actos conmemorativos do 50 aniversario da Revolución dos Cravos. Será a estrea en Galicia desta produción teatral que contará con 12 actores e actrices en escena.

O venres, 7 de febreiro, ás 21 h Federico Pérez, da man de Ainé Produccións, chegará ao teatro tudenses co seu monólogo “Xa que o sabes, voucho contar(e cantar)”. No mesmo contará (e cantará) a súa versión dos feitos que marcaron a súa vida, coa música de Frank Sinatra ou John Lennon.

O público familiar poderá gozar o venres, 14 de febreiro, ás 19 h con Xampatito Pato, co seu novo espectáculo “Compaña”. Con circo e monicreques Jesús Velasco creará imaxes e escenas que transportarán aos pequenos e pequenas da casa a un mundo surrealista e cheo de cor.

O venres 21 de febreiro, ás 21 h, o Teatro Municipal de Tui acollerá a estrea de “Transeúnte” de Daniel Rodríguez. Nesta obra de danza contemporánea, coproducida polo Centro Coreográfico Galego, reflexionase sobre a relación das novas xeracións coa tradición e o folclore neste mundo tecnolóxico e globalizado no que aínda habita a sabedoría dos nosos instintos.

Cun espectáculo para público familiar o venres, 7 de marzo, ás 19 h volve a Tui Galitoon, nesta ocasión con “Facendo o indio”. Una proposta, de teatro de humor xestual, na que os seus protagonistas loitan para que a súa tribo non se extinga contra o seu peor inimigo: eles mesmos. Por último, o venres 14 de marzo, ás 21 h pechará esta programación “Desterradas”, de Producións Teatrais Escénicas. Unha obra ambientada no século XVI narrando unha historia de rebelión e resistencia. Carme Varela recibiu por este texto o 25ª premio Álvaro Cunqueiro.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.