Autocensura.

Xa non digo todos os xornalistas, senón os medios de comunicación, que deberan recuperar o dereito que nos asiste a unha información libre e vinculada a ese selo clarificador da veracidade contrastada, da calidade. Sei que moitos deles sofren a censura peor, a autocensura. Pero hai que superar dunha vez os medos e recuperar a capacidade creativa, orixinal e de sedución. Quixeramos que diante das nosas olladas aparecesen rigor e transparencia, como aporte a un mundo mellor e máis limpo, lonxe das manipulacións que xa desde os titulares ofenden a intelixencia e coutan as gañas de seguir. Non esquezan o “código ético” que debe privar, mollándose na información en vez de referendar neutralidades. Cómpre, xa que logo, abondar no servicio aos que acudimos con ansias de beber da boa fonte e, por riba, pagamos. Ten que ser por riba de mediocridades e compravenda de silencios, por riba de intereses partidarios, de oportunismos colaterais. Cómpre advertir a súa responsabilidade profesional que, hoxe, non se sinte nin se ve. Non deben esquecer que manter a ética profesional supón ennobrecerse nunha causa humana, xunto coa estética do entendemento, garantindo a liberdade de emisor e receptor, a pluralidade pensante. Pero é que chegamos a tal altura de desconfianza e mentira que, por medos, estamos nun sistema podrecido de información e de comunicación, que mesmo dá noxo, salvo rarísimas excepción dignas de todo respecto. Os informadores non deben abusar, e menos os donos dos medios, da nosa inocente confianza. Véselles o plumeiro. Deben vixiar este sistema menos malo, sen descoidar as trampas ás que nos somete, sen ocultalas, sen silencialas. Aí está a verdade informativa que non vemos, da que non se sabe, que vén edulcorada con matices supresores da súa responsabilidade, cando os que mandan, ao mesmo tempo, subvencionan. Deben recuperar a cordura informativa. Non se poden deixar levar polos medos, deben ir á marxe dos partidos políticos, ser libres para dicir e para opinar, para criticar, para descubrir, para informar, a risco de caer na verdade. Deben saír da fácil difamación, das neutralidades, das cortinas de fume que ocultan as verdadeira noticias e as súas verdadeiras intencións, solapamentos. Deixarse de adular figuras doutros poderes, e saír así deste ridículo de favores mutuos, dos postureos, do dano ás terceiras persoas con infundidos malignos. A autocensura é unha constante perigosísima para toda a sociedade, sucedáneo da mentira que nega a liberdade de expresión e o dereito sublime de ser debidamente informados coa verdade. Pero sobre todo é mala para a credibilidade. Lonxe dos sésegos, dos melodramas, dos golpes traumáticos, dos moldes moralistas da boa, pero torta, educación. Temos que saír da dúbida inocente, das probas inconsistentes, dos ritos simpáticos que restan a emoción da certeza, que tanta falta nos fai. Non deben apuntar con esa máquina que dispara e condiciona o futuro, non deben facernos a consideración de números de cálculo. Somos moi vulnerables podemos deixar de crelos definitivamente. Sería un drama prescindir da nobre causa humana de entendernos, na confianza de mirarnos aos ollos e sen facernos vítimas das intoxicacións fraudulentas e do acoso á nosa independencia e liberdade.

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Mestre e músico.