Mos | O Concello de Mos sumarase proximamente ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático. Este foi un dos principais asuntos que abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, durante a reunión de traballo que mantiveron esta mañá.
Neste sentido, a conselleira felicitou ao Concello pola decisión de sumarse a unha iniciativa que desde finais de 2017 a Xunta coordina y lidera en Galicia e que nestes momentos xa conta co apoio de 121 municipios galegos e doutros 22 que están aínda en trámite de adhesión. Pola súa parte, a rexedora aproveitou a xuntanza para interesarse polos pasos que deberá seguir agora o municipio de cara a oficializar a súa incorporación ao pacto e agradeceu o labor de apoio e asesoramento que brinda neste sentido a Consellería á hora de animar ás entidades locais a participar.
Así mesmo, Ángeles Vázquez e Nidia Arévalo tamén abordaron outros asuntos de interese para o Concello de Mos relacionados con áreas de competencia da Consellería. Concretamente, a alcaldesa trasladoulle que o seu equipo traballa en varios proxectos para a creación de sendas peonís e a mellora e acondicionamento dalgún paseo xa existente, así como nunha iniciativa para a posta en marcha dun centro de interpretación de natureza e ecoloxía de carácter multifuncional, que podería acoller distintos tipos de actividades e cursos de temática verde e medioambiental.
Ademais, tamén falaron sobre a xestión dos residuos urbanos en Mos e concretamente, do proxecto municipal para instalar un composteiro que recolla e trate os residuos orgánicos do municipio.
A conselleira, pola súa parte, escoitou con interese as propostas e iniciativas que está a impulsar o Concello de Mos nas áreas da súa competencia e comprometeuse coa alcaldesa a analizar as posibles vías de colaboración que ten o seu departamento para poder apoiar ao municipio nalgunha delas.