Ponteareas | A veciñanza ponteareá continúa a coñecer a historia da súa vila a través do Museo Municipal. A semana pasada un grupo de 15 usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña visitaron as instalacións e realizaron un percorrido no que se achegaron á historia de Ponteareas dende o paleolítico ata a actualidade, pasando pola cultura castrexa ou pola época medieval.
“O museo ten as súas portas abertas para que todas as veciñas e veciños poidan redescubrir a historia local a través cunha viaxe a través dos elementos e pezas de gran valor histórico que se atopan nas instalacións, como o primeiro coche de bombeiros, que data do ano 1900, ou un petróglifo de estilo simbólico que axuda a comprender a todas e todos os visitantes a cultura dos nosos antepasados”, asegura o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.
Para dar a coñecer a gran riqueza histórica de Ponteareas, o Museo Municipal tamén organiza visitas guiadas polo centro urbano da vila, polo cemiterio municipal, á igrexa románica de Angoares ou ao Castro de Troña, entre outros espazos. Os colexios e asociacións interesadas nestas actividades soamente deben solicitalas chamando ao teléfono 986 660 765 ou a través do correo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.gal.
Por outra banda, as persoas interesadas en visitar o museo poden facelo de luns a venres en horario ininterrompido de 08.00 a 21.00 horas.