Axudas europeas a Marrocos sen control nin fiscalización.

Marrocos recibiu nos últimos 7 anos máis de 15.000 millóns de euros da UE en axudas ao desenvolvemento. Se se ten en conta unicamente a partida dedicada a migración, Rabat é agora mesmo o segundo maior beneficiario de fondos comunitarios, por detrás de Turquía.

Desde 2016, o Reino de Marrocos beneficiouse de 346 millóns de euros de fondos comunitarios para reforzar os seus controis fronteirizos e atender aos migrantes, dos cales 200 millóns xa se desembolsaron.

Tendo en conta os últimos acontecementos sucedidos na fronteira entre Ceuta e Marrocos e o vergoñoso e cruel uso que fai Marrocos da emigración, sempre que quere presionar a España e a Unión Europea para buscar apoios, ou cando menos que non lle afeen a ilegal ocupación do Sahara Occidental, deixan en evidencia que eses fondos non son destinados para o fin polo que foron concedidos.

A Unión Europea debería revisar a súa política de subvencións co Reino de Marrocos esixindo claridade e transparencia no uso das devanditas subvencións, á vez que estas axudas deberían estar supeditadas ao estrito respecto polos dereitos humáns.

A Unión Europea non pode seguir inxectando diñeiro a Marrocos e mirar para outro lado cando este incumpre tanto as propias leis como leis internacionais no que se refire aos dereitos da poboación saharauí no Sahara Occidental ocupado como á súa propia poboación e persoas migrantes que a través de mafias, que contan co beneplácito das autoridades marroquís, tentan alcanzar Europa en busca dun futuro mellor para eles e as súas familias.

Nado no ano 1974, un ano antes da entrega do Sahara por parte de España a Marrocos. Activista polos dereitos do Pobo Saharaui, é membro de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Fundador e administrador da web www.porunsaharalibre.org