Jesús Vázquez Almuíña (Baiona, 1962) ocupa por cuarta vez o cargo de Alcalde desta vila do Val Miñor, na que estivo ao fronte durante o período comprendido entre 2003 e 2015. Posteriormente foi tamén Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia e presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. En 2023 volveu á Alcaldía alcanzando a súa terceira maioría absoluta con 11 dos 17 edís dentro da actual Corporación Municipal. Falamos con el sobre a XXIX edición da Festa da Arribada en Baiona, a celebrarse os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo.
A Festa da Arribada chega a súa XXIX edición coa intención de ampliar a súa dimensión de futuro. Cómo visualiza Vde. esta aspiración de difusión principalmente a nivel internacional?
Para nós é un elemento fundamental porque nos da unha imaxe de marca e de publicidade para a nosa Vila. Xa non é o feito da súa influencia que ten directamente nese período concretamente determinado por ese fin de semana senón que queremos ampliar esa marca para que esas visitas sexan durante todo o ano. Levamos moitos anos buscando a desestacionalización turística que estamos conseguindo grazas a festas como a Arribada ou tamén o Camiño Portugués pola Costa, que trae igualmente moitos visitantes.
Durante moitos anos o Concello organizou en Baiona o Foro Iberoamericano. Actualmente observamos un debate historiográfico, por certo moi polarizado, sobre o legado español en América e o que supuxo o Descubrimento. Tomando en conta a importancia histórica que ten a Arribada, cre que Baiona pode converterse nun lugar de encontro, un foro académico de referencia internacional, que permita debater con rigurosidade estas diversas perspectivas historiográficas?
Obviamente nos gostaría porque Baiona é unha ponte. A Arribada é unha das poucas festas cuxo significado non ten que ver coa guerra senón que é unha festa de acollemento. Creo que hai que destacar a parte positiva deste feito. Neste momento hai un fluxo maior de emigración hispanoamericana cara España e Galicia e creo que Baiona pode entrar nese simbolismo como pobo de unión entre dous Continentes.
En xuño chegará ao ecuador da súa xestión como Alcalde. Qué balance destacaría nesta nova etapa ao fronte do Concello e qué prioridades ten establecidos de aquí ao 2027?
Son moitas as prioridades. Sempre digo que catro anos de goberno son bastante curtos. Tras unha etapa na que estiven fóra do Concello durante sete ou oito anos ves agora que debes reconducir determinadas cousas que cres deben funcionar doutra forma. Nestes case dous anos de goberno estamos tentando que a maquinaria administrativa comece a moverse ao ritmo que necesitamos e estamos levando a cabo proxectos moi interesantes que van comezar a xurdir: humanizacións; a potabilizadora de auga que precisamos dende fai tempo; diversas obras pero tamén de servizos como a mellora de calidade das zonas verdes, recollida do lixo e por suposto potenciar un elemento moi importante como é o turismo para que sexamos unha marca de referencia moi coñecida fora de España.
Mirando en perspectiva, cómo visualiza a Baiona do futuro?
Creo que Baiona ten un atractivo especial. Temos unha xeografía magnífica, unha historia, un patrimonio, unha gastronomía e principalmente unha xente acolledora. Queremos mellorar os servizos tomando en conta que Baiona non é industrial pero si podemos ofrecer calidade de vida para todos aqueles cidadáns que queran vir a vivir aquí definitivamente. Hai unha forte demanda de xente que quere vir a vivir a Baiona, un lugar que ten tamén fácil comunicación co resto de Europa e co continente americano.
Unha Arribada con “visión e futuro”
Este 20 de febreiro a céntrica Praza Pedro de Castro en Baiona, próxima á Casa da Navegación, foi o escenario da presentación do programa da XXIX Festa da Arribada da Carabela La Pinta; unha Festa de Interese Turístico Internacional que conmemora o feito histórico da chegada a Baiona desta carabela baixo o mando do navegante Martín Alonso Pinzón o 1º de marzo de 1493, para dar fe do Descubrimento dun Novo Mundo, América.
O acto de presentación do programa contou cunha nutrida presenza institucional liderada polo anfitrión, o Alcalde baionés Jesús Vázquez Almuíña; a deputada provincial de Turismo e Alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; as concelleiras de Festexos, Ruth Álvarez González; e de Turismo, Sheila María González Martins; o concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa; o presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña Chamorro; a xefa da Zona Vigo Sur de ABANCA, Ángela Rodríguez Miguens; e a Directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti, entre outros.
O evento estivo tamén amenizado cun espectáculo denominado “Lume” a cargo da Compañía Asacocirco. Ao final do acto se ofreceron petiscos a cargo da “Taberna Pinzón” coa colaboración da hostalería local.
A Festa da Arribada, a celebrarse os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo, conta cun completo programa de eventos no que tamén destacan a presenza de representantes daqueles pobos colombinos irmandados con Baiona, como son os casos de Santa Fe de Granada e Palos de Frontera. Precisamente, tras sesión plenaria celebrada o pasado 5 de febreiro, a Corporación Municipal concedeu a distinción de Fillo Adoptivo de Baiona ao ex Alcalde de Palos de la Frontera, Carmelo Romero Hernández. O Concello baionés tamén mantén irmadamentos coas cidades francesa de Pornic e a cubana de Rafael Freire.
Ademais do tradicional Real Mercado Medieval cos seus artesáns e gremios de canteiros destacan na programación a presentación de libros, exposicións, conferencias históricas, obradoiros, espectáculos máxicos, contacontos e actividades de lecer infantís como como o MegaXadrez; vídeo mapping sobre Baiona no paso do tempo; teatro, pasarrúas de música medieval, música antiga e batucadas, exhibicions de esgrima medieval, tiro ao arco, cetrería e torneo medieval. A seguridade estará garantida coa presenza de “puntos lila” contra a violencia, servizos de limpeza, sanitarios e de transporte que darán durante tres días a Baiona unha festa da Arribada “con visión e futuro”, tal e como sinalaron as autoridades durante as súas respectivas intervencións.
No seu discurso, o Alcalde destacou o papel histórico de Baiona como “vila de acollemento e de convivencia”, especialmente para a navegación no Océano Atlántico. Froito desa condición, o Alcalde informou que a cidade acollerá durante eses días un barco avistado a 8 millas das illas Azores e que atopou dificultades de navegación.