Mondariz | O Concello de Mondariz, por segundo ano consecutivo, organizou unha programación cultural baseada en concertos e actividades para público infantil para celebrar as tradicionais Festas Patronais da Virxe da Peña de Francia e San Roque en condicións de seguridade.
O ano pasado, diante das incertezas pola crise sanitaria, optouse por organizar un festival con grupos de música folk vencellados á localidade que levou por nome “Todo queda na casa”. A actuación de Baiuca, que xa estaba na axenda cultural de 2020, tivo que ser reprogramada e agora, coa situación sanitaria máis estabilizada, é o principal atractivo das Festas Culturais de Mondariz 2021.
A innovación sonora de Baiuca (15 de agosto) compleméntase coa actuación do grupo local de música folk Volta e Dálle (14 de agosto) e das agrupacións “Llorente & Tribu” e “Supersonics” (16 de agosto)
O evento, con todo, mantén a esencia do festival “Todo queda na casa” porque tamén se convocou a un grupo de música folk de Mondariz, como Volta e Dálle. “Consideramos que é importante visibilizar e dar oportunidades ao talento local.
En Mondariz temos unha enorme tradicional musical que hai que reivindicar na propia programación cultural”, destaca Anxos Carballo, concelleira de Cultura de Mondariz.
Tanto o concerto de Baiuca como as outras actividades programadas nas Festas Culturais de Mondariz son de acceso libre e gratuíto até completar a cabida permitida no recinto, que estará controlado para supervisar o cumprimento das medidas anticovid.
Baiuca vén de presentar este ano o seu último traballo discográfico, “Embruxo”, no que profunda na vangardista e aplaudida mestura de sons propios da tradición galega e a electrónica.
Actualmente, atópase inmerso nunha xira de concertos pola xeografía española, polo que actuacións como a de Mondariz supoñen unha oportunidade única de apreciar este proxecto musical en directo.