Mondariz | O Concello de Mondariz informa que comezou o reparto de axuda do banco de alimentos local. Ante a falta de apoio das axudas prometidas por Política Social de Xunta de Galicia, o Concello comeza o reparto que contribuirá a cubrir as necesidades básicas de alimentación e hixiene de 43 familias, 16 delas con menores a cargo.
A concelleira de Servizos Sociais, María José Álvarez, sinala que “xa non podíamos agardar máis tempo. Logo de esperar meses pola prometida tarxeta monedero da Xunta que reforzaría o esforzo do banco de alimentos local decidimos realizar un esforzo extra e cubrir cos nosos fondos esta achega tan importante”.
En nome de todo o grupo de goberno, a concelleira quere agradecer ás empresas colaboradoras todas as súas aportacións que completan e fan máis grande este xesto de solidariedade.
O Concello entregou no día de hoxe as primeiras bolsas de alimentos e continuará na vindeira semana ata chegar a cada unha das familias que o precisan. A Concelleira adianta que para xestionar de xeito eficiente e xusto os recursos do Concello, os Servizos Sociais realizarán unha revisión e actualización da listaxe de beneficiarios para así chegar á poboación que realmente precisa apoio e non deixar atrás posibles casos descoñecidos.