Santiago de Compostela | O último caso coñecido a través da Liña do Galego – servizo gratuíto para rexistrar denuncia de vulneración de dereitos lingüísticos- aconteceu nunha sucursal de Ferrol o pasado 1 de decembro cando un cidadán quixo aboar o pagamento na conta do xulgado e solicitou expresamente poder asinar o resgardo da operación en lingua galega. A entidade bancaria negoulle esta posibilidade dicíndolle que só podía facerse en español.
O cliente acudiu á sucursal máis próxima ante a imposibilidade de xestionar en galego o pagamento dun trámite obrigatorio, mais volveu acontecer o mesmo, chegando ao punto de non querer atendelo. O cliente nese momento solicitou unha folla de reclamacións para denunciar a discriminación á que estaba sendo sometido só por razón de lingua, documento que tamén tivo trabas para recibir.
Para a Mesa pola Normalización Lingüística tanto o banco como o Ministerio de Xustiza son responsábeis desta situación, posto que o Ministerio traballa cun banco que non permite nin garante efectuar ingresos e trámites de obrigado cumprimento ás contas dos xulgados na lingua oficial do territorio no que opera.
As actitudes discriminatorias do banco Santander son inadmisíbeis e merecen ser sancionadas e reprobadas, a xuízo do presidente da Mesa Marcos Maceira. “Como pode ser posíbel que un galego sexa discriminado por solicitar documentos en lingua galega dentro de Galiza?” cuestionou Maceira. Estanse vulnerando dereitos lingüísticos dun cidadán galego e mesmo se lle nega a realización dun trámite de obrigado cumprimento como é o pagamento dunha multa, o que lle pode carrexar un incremento da sanción e consecuencias legais graves.
Para o presidente da entidade en defensa e promoción do galego, a Xunta de Galiza debe exixir do Ministerio de Xustiza a garantía e protección dos dereitos lingüísticos da poboación galega que desexa vivir libremente en galego e o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias así como a declaración universal dos dereitos lingüísticos. “Fálase da liberdade para que cadaquén fale na lingua que desexe pero non podemos ser libres se nos discriminan e nos negan a opción a empregármos o galego” finalizou Maceira.