Ponteareas | O Concello felicita á Banda de Música Unión de Guláns polo seu recente premio da Cultura Galega na categoría de música. O mércores os diferentes integrantes da agrupación recibiron o recoñecemento da man do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto que tivo lugar no Convento de Santa Clara, en Pontevedra.
Desta maneira, a lonxevidade da Banda de Música Unión de Guláns acadou un dos maiores recoñecementos do eido da cultura da comunidade ao cumprirse 150 anos desde o seu nacemento. A Xunta destacou a súa escola propia coa que conta desde hai máis de 100 anos. Un dato que a sitúa como unha das formacións máis antigas de Galicia e da que xurdiron recoñecidos talentos a nivel instrumentista como directores e compositores con nomes tan destacados como Rogelio Groba.
Neste sentido, o tenente de alcalde e edil da área, Juan Carlos González, apuntou que “é un orgullo que a Banda de Música Unión de Guláns reciba un recoñecemento de tanta importancia como o Premio da Cultura Galega” e que “somos conscientes que espalla o nome da vila por todos os recunchos polo que desde a concellería de Cultura seguiremos apoiando a súa actividade”.
A Banda de Música Unión de Guláns foi un dos protagonistas na gala de entrega de premios xunto cos demais premiados como a escritora Yolanda Castaño, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, PistaCatro, a produtora Portocabo, o programa Ponte…nas Ondas! e no eido do Patrimonio Cultural e proxección exterior, Eduardo Pardo de Guevara e os Cursos de verán Galego sen fronteiras, respectivamente.