En 1984 o Diario de Galicia publicaba a Lei de Símbolos de Galicia. Legalizábase un símbolo que viña de vello, incluíndo un brasón azul coroado con sete cruces e un cáliz.
Con anterioridade, en 1937, Castelao fixera un deseño engadindo no centro da bandeira unha serea heráldica pertencente aos Mariño de Lobeira en Rianxo cun campo de prata que levaba unha estrela vermella de cinco puntas e unha fouce de ouro emprazada en vertical cun lema épico: “denantes mortos que escravos”. A proposta non pasou de ser utilizada máis que nalgunhas publicacións.
Mais a incorporación da estrela de cinco puntas fora utilizada anos antes. Queda constancia desta utilización nunha acta de entrada e rexistro das autoridades gobernativas na sede do Partido Galeguista na pontevedresa rúa de Tetuán datada no 18 de decembro de 1934. O texto do documento di : “se incauta una colgadura con los colores de la bandera gallega en uno de cuyos vértices aparece una estrella de papel verde de cinco puntas”. Repárese que non é vermella.
En 1970, nunha convocatoria para celebrar o 1º de Maio na Porta do Sol de Vigo, un dos manifestantes desafiando aos numerosos efectivos da Policía Armada e membros da Brigada Político-Social presentes, amosou fugazmente unha bandeira coa estrela vermella situada no vértice dereito. Aquilo quedou nunha anécdota que non se volveu repetir.
Ese formato nace nun contexto histórico. Despois da forte represión policial desatada en Agosto de 1975 que provocou o descabezamento da UPG, os partidos políticos empezaron a reunirse para artellar unha plataforma unitaria antifranquista. O Partido Comunista e outras forzas políticas minoritarias que o secundaban propugnaban a restauración do Estatuto de Autonomía de 1936. A Unión do Pobo Galego, Partido Socialista Galego e Partido Social Demócrata Galego, que constituíran o Consello das Forzas Políticas Galegas, presentado publicamente en xaneiro de 1976, opuxéranse por consideraren que aquel instrumento xurídico-político non era o axeitado para unha Galicia distinta nun mundo distinto.
Xosé Manuel Beiras nun dos seus últimos libros, “Retratos en fite” (Edicións Laiovento), dedícame un capítulo no que describe a súa versión positiva sobre as responsabilidades que tiven no proceso de elaboración das chamadas “Bases Constitucionais”. Unha alternativa política innovadora auspiciada polo Consello de Forzas Políticas Galegas que foi presentado publicamente en xaneiro de 1976.
A inclusión da estrela vermella na bandeira que hoxe enarbolan todas as forzas nacionalistas, foi unha decisión persoal que tomei en solitario, concretamente a comezos de novembro de 1975. Aproveitando que un correo ía ir a Porto para entregarlle varias encomendas á nosa delegada naquela cidade, levou tamén o debuxo que fixera sen máis pretensións que a novidade da estrela enriba da franxa azul. Ao pouco tempo xa tiñamos aquí unha quincallada moi variada, propia da época, para divulgar dita bandeira en mecheiros, insignias, chaveiros, etc. En febreiro de 1976 nunha convocatoria feita pola ANPG en Monforte de Lemos xa apareceron en formatos grandes.
“A inclusión da estrela vermella na bandeira que hoxe enarbolan todas as forzas nacionalistas, foi unha decisión persoal que tomei en solitario”
Naquela altura propuxen tamén elaborar un himno, encargándolle a Antón Seoane o texto e partitura. No seu libro “De Voces Ceibes a Milladoiro” (Editorial Galaxia,2013), conta así o relato: “Un dos primeiros que o escoitara fora o amigo Xosé González Martínez. Viñera “supervisalo” a miña casa de Fernando III en Santiago, e deseguido – sempre foi e é moi animoso – dérame os seus parabéns, e lembro que me dixera: Isto gustaríalle a Castelao”.
Aquel himno cantouse en moitas concentracións; mesmo foi gravado. A dirección política que me sucedeu decidíu substituilo pola “Marcha do Antigo Reino de Galicia” nunha versión instrumental do grupo español “Los Relámpagos”, coa protesta dos músicos integrantes do Movemento Popular da Canción Galega, segundo o relato de Antón Seoane.
Cada vez que vexo a bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas enarbolada por militantes das formacións políticas nacionalistas actuais rememoro con emoción esta intrahistoria que de maneira sumaria relato.