Nestes momentos tan convulsos para o nacionalismo galego traemos a este xornal dixital as palabras dun home que o foi e segue sendo todo no eido nacionalista. .Xosé Manuel Beiras púxose á fronte do BNG naquela xa histórica asemblea de Riazor. conseguiu as máximas cotas do nacionalismo neste Pais; hoxe, sen embargo, con grande dor, como el mesmo confesa, ten que deixar a casa nacionalista pola que tanto loitou porque, ao parecer, xa non representa a todo o abano de homes e mulleres que loitan por Galiza, pero por unha Galiza de esquerdas, democrática e aberta á sociedade. Estas son as súas verbas:
-Animicamente como te sentes logo da difícil decisión á que te viches abocado?
-Pois cunha mestura de mágoa, alivio e espranza impaciente. Mágoa, como outros compañeiros e compañeiras que levabamos no BNG dende que naceu, porque para nós resultou particularmente dolorosa a ruptura -e por iso lle demos tantas voltas, tardamos tánto tempo en decidírmonos e tentamos por tódolos medios ao noso alcanzo non ter que tomarmos esa decisión. Alivio, porque cesou unha tortura moral demasiado prolongada e aguniante. E impacientemente espranzado, porque confío en que será posíbel construirmos entre moitos e moitas unha nova alternativa moi aberta, e sintimos impaciencia por comezarmos a traballar nesa construción, no canto de andarmos a rifar cos que non quixeron asumir a nosa proposta de refundación e rexeneración do BNG dende dentro.
-Obviamente, entre EI e as outras patas da mesa desa fronte común que configurastedes para presentar unha alternativa á UPG hai fondas diferencias máis, tal vez, de forma que de fondo. Cres posible artellar algo serio en conxunto?
-Pois claro que o creo -doutro xeito non o tentariamos. Primeiro, porque se fomos capaces de facermos recíprocamente as cesións necesarias para chegarmos ao acordo dunha alternativa común dentro do Bloque, non vexo razóns para non sermos capaces de facer o equivalente fóra. Segundo, porque a pluralidade ten que ser consustancial co novo proxecto, e a pluralidade implica asunción da diversidade, de xeito que se trata de artellar un conxunto diverso e non simplesmente de sumar pezas ou continxentes. Polo demáis, o novo proxecto está orientado a abranguer tamén espazos cívicos, sociais e políticos que están fóra do atual BNG, e facelo de abaixo arriba, xestalo no seo da sociedade civil e a xeito dun amplo abano co centro de gravidade na esquerda e na autodeterminación do povo galego -e a sociedade é diversa e heteroxénea, compre non esquecelo.
-Como ves nestes momentos a capacidade do nacionalismo galego para contestar á política do PP na Xunta, sobre todo?
-Da capacidade do BNG xa non quero falar máis, a ser posíbel. E da do nacionalismo e a esquerda, como forza social tanto real coma potencial, trátase mesmamente de reduplicármola – e teño confianza en que é moito meirande do que se adoita pensar polos que coidan que ‘fóra’ todo é deserto. Se non, non teriamos dado o paso que demos.
–Que che doe máis, ter que abandonar algo que con tanto traballo e
cariño axudaches a conformar ou o trato desleal que sufriches nos
últimos anos?
-Doéronme ámbalas duas cousas, mais iso xa é pasado. Agora impórtame o presente e o camiño a percorrermos cara adiante.
-Describe, brevemente, cal seria o teu papel nunha nova formación
nacionalista galega, xa que declaraches non querías cargos orgánicos?
-O que se me atribúa e eu considere asisadamente asumíbel coas miñas limitadas enerxías.
Ben, grazas, pola túa colaboración e sorte na nova andaina que vas emprender para ben deste PAIS.