Benigno Moldes, in memoriam.

“Como unha obra teatral, así é a vida: importa non o tempo senón o acerto co que se representou”
Séneca

Hai días nos que, de súpeto e coa garda baixada, a realidade te sacude con virulencia e te coloca diante do espello para lembrarte con toda a crueza a túa fraxilidade e que hoxe estás aquí e mañá, se cadra, xa non. Memento mori -lembra que vas morrer- dinos a vida, do mesmo xeito que o servo murmuraba ao xeneral romano que desfilaba vitorioso polas rúas de Roma.

“Cando souben do repentino e súbito falecemento do meu compañeiro e amigo Benigno Moldes, a incredulidade deu paso á conmoción”

O pasado domingo foi un deses días. Cando souben do repentino e súbito falecemento do meu compañeiro e amigo Benigno Moldes, a incredulidade deu paso á conmoción, esta ao abatemento e de seguido, como nun efecto dominó, a un remuiño vertixinoso de sentimentos dominados pola mágoa e a dor.

Nestes poucos días de difícil asimilación da implacábel realidade, marcados polo resistencialismo do “non pode ser verdade”, ducias de imaxes véñenme á cabeza: a daquel rapaz algo maior ca min que a comezos dos 90 coñeciamos coma o chófer do alcalde; a daquel axente da policía que me transmitía aplomo, seguridade e a necesaria confianza para nomealo por vez primeira Xefe da Policía Local, naquel efémero goberno do ano 2003, e a do Oficial e Xefe co que durante estes últimos case catro anos compartín a diario, como tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade, traballo, retos, preocupacións, satisfaccións e, o máis valioso, a amizade.

Nas cotiáns camiñadas de horas e horas, baixo o sol ou a choiva, que faciamos por unha vila que, contra vento e marea, queríamos transformar, descubrín a unha persoa comprometida co público e que soñaba, tanto ou máis ca min, cun pobo para as persoas, para os cativos e os maiores, para as bicis e para as persoas con mobilidade reducida e que puidera chegar a ser unha referenza para o resto do País. O seu entusiasmo e a súa aposta por unha Ponteareas liberada do monopolio dos vehículos non pasaban desapercibidos para ninguén, tampouco para Daniel Macenlle, un dos artífices, como Xefe da Policía Local de Pontevedra, da transformación desa cidade, cando, de visita en Ponteareas, o coñeceu por vez primeira e ao ver a súa implicación foi rotundo: “tedes moita sorte”, díxome.

Nas nosas frecuentes xornadas de traballo coñecín ao home pragmático, eficaz e ávido por aprender e formarse. Co papel sobre a mesa, cheo de cores, trazos e frechas, estudamos e avaliamos o Plan de Mobilidade e o rueiro de Ponteareas poñendo en práctica as recomendacións de Jesús e Jaime, os recoñecidos técnicos de mobilidade da Deputación Provincial, e aplicando os nosos propios coñecementos adquiridos nos cursos de mobilidade que durante meses compartimos e con éxito superamos baixo o maxisterio do enxeñeiro e experto en mobilidade Fernando Nebot.

“Moldes, apenas uns días antes de deixarnos, despedíuse de nós impartindo formación ás policías locais da provincia”

Como bo alumno avantaxado, Moldes, apenas uns días antes de deixarnos, despedíuse de nós impartindo formación nesta materia ás policías locais da provincia, dende o orgullo do acadado en Ponteareas e conscente de que era tamén o seu logro persoal e profesional.

Nas periódicas reunións coa Policía Local constatei o respecto que se gañara e a autorictas que o conxunto de axentes lle recoñecían, determinante para que, en apenas cinco anos, Ponteareas pasara de media ducia a case unha vintena de grandes profesionais cohesionados ao seu redor e que, á súa formación na Academia Galega de Seguridade, sumaron a da escola da experiencia que encarnaba Moldes con máis de 30 anos de servizo. Orgulloso coma ninguén do seu uniforme, guiou aos seus compañeiros e compañeiras, a quen tamén defendía como representante sindical, inculcándolles firmeza na esixencia de respecto á Policía Local fronte a aqueles que aínda pretenden ninguneala ou desprezala coma un corpo de segunda división.

E nos intres de sosego e respiro, xantando ou desfrutando dunha cervexa ou un viño, reflexionamos e debatemos ao redor da profesión que compartiamos, a avogacía, ao tempo que se aparecía ante min o home emprendedor que foi ao longo da súa vida en diferentes actividades económicas e empresariais.

Sorprendentemente, malia a tristura que me produce escribir un artigo que nunca imaxinara nin quixera ter escrito, son quen de sorrir lembrando todas esas experiencias ao revivilas impregnadas polo positivismo, o relativismo retranqueiro e a graza coa que Moldes sempre enfrontaba calquera situación, especialmente as críticas maledicentes: “que estarán a tramar estes dous?” dicíame entre risos, para advertirme do que lle estaría a suscitar a nosa presenza a aqueles veciños que, en ocasións, nos observaban con receo ou desconfianza cando tomabamos notas ou faciamos medicións en calquera rúa.

En tres épocas, explicaba Séneca, divídese a vida: a que foi, a que é e a que será; destas tres, a que vivimos no presente é breve, a vindeira é dubidosa e a que xa vivimos é certa e irrevocábel. A esa certeza do pasado vivido agárrome. Sen melancolía nin tristura. Porque ese, estou seguro, sería o mandato de Moldes, a súa derradeira orde: nada de abatemento ou pesadume e vista á fronte, lembrando con satisfacción o vivido con el e recollendo o seu legado para continuarmos avanzando na brevidade da vida. Mentres dure, aquí seguiremos ás túas ordes, amigo Moldes.

Licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela. Iniciou a súa traxectoria social e política como cofundador do Grupo Ecoloxista Adenco en 1990. Actualmente exerce como avogado e politicólogo en Ponteareas. Presidente do Ateneo "Amado Garra"