Deputación da Coruña | A Deputación da Coruña celebrou hoxe un pleno extraordinario para conmemorar o día do bicentenario da súa constitución oficial, o 1 de xuño de 1822.
Nesta efeméride histórica, a Deputación reuniu aos sete presidentes da institución durante a etapa democrática Enrique Marfany (1979-1987), José Manuel Romay Beccaría (1987-1989), Salvador Fernández Moreda (1989-1995 e 2003-2011), Augusto César Lendoiro ( 1995-1999), José Luís Torres Colomer (1999-2003) e Diego Calvo Pouso (2011-2015) acompañaron ao actual presidente, Valentín González Formoso, e tiveron a oportunidade de intervir de novo ante o pleno da corporación para falar do seu pasado e do seu futuro.
Valentín González Formoso agradaceu a presenza dos presidentes “nun día histórico, no que a Deputación cumpre 200 anos ao servizo dos concellos e da cidadanía da provincia da Coruña”.
O presidente fixo un breve repaso da historia dunha institución que atravesou períodos de monarquía, república, dictadura e democracia, pero que sempre foi “capaz de adaptarse aos tempos” e aos” cambios históricos do país” durante douscentos anos. “Pouco ten que ver aquela Deputación da beneficiencia, da extensión do alumeado e os camiños coa Deputación de hoxe, que presta os seus servizos online, que atende a máis de 3.000 persoas maiores coa Teleasistencia, que crea infraestruturas nos 93 concellos ou que impulsa unha gran rede de centros de coworking para que o talento da mocidade galega non teña que emigrar”, apuntou Formoso.
“A Deputación é hoxe o motor económico, social e cultural desta provincia”, afirmou Formoso, que subliñou o orgullo de presidir unha institución que está sempre á vangarda entre as deputacións de España grazas “á labor dos presidentes e corporacións que nos precederon”, ao “espiríto de consenso” que caracteriza a acción política da institución durante décadas e “ao traballo, profesionalidade e implicación dos traballadores e traballadoras desta casa”.
Na súa intervención, Enrique Marfany destacou que, a pesar do importante traballo que desenvolven para garantir servizos esenciais nos pequenos municipios, “as deputacións seguen a ser grandes descoñecidas para a poboación” e pediu que se recoñeza “a singularidade de Galicia en canto a dispersión poboacional”.
José Manuel Romay Beccaría felicitouse do bicentenario “dunha deputación modélica”, por enriba das difrencias políticas, que se caracteriza polo traballo en equipo e a súa eficacia.
Salvador Fernández Moreda, o presidente que máis tempo estivo á fronte da Deputación da Coruña na etapa democrática, lembrou as orixes da institución ao abeiro da Constitución de 1812. “Esta deputación estivo sempre á cabeza das deputacións de España”, apuntou Moreda, que destacou que a maioría dos asuntos se aproban por unanimidade “un espírito de consenso que ogallá impregnase tamén a política española”, sostivo.
“Se as deputacións non existirán habería que crealas”, apuntou Augusto César Lendoiro, presidente da institución entre 1995 e 1999, que destacou a través da súa longa historia, en períodos e etapas moi diferentes, a institución caracterizouse semepre polo seu apoio aos concellos da provincia e por ofrecer oportunidades ao mundo rural. José Luís Torres Colomer lembrou tamén a súa etapa na presidencia da Deputación e o seu traballo como deputado durante doce anos. “É un gran honor formar parte da historia desta institución”; afirmou.
Finalmente, Diego Calvo aludiu tamén ao “carácter pioneiro” da institución coruñesa entre as deputacións de España e considerou que “é importante que a Deputación perdure, ou cando menos as súas funcións, porque é útil para os pequenos concellos e para a xente que vive neles”.