Paradela | Este mércores, Paradela comezará ás celebracións do seu Bicentenario como Concello, adiadas pola Covid, que se prolongarán ata mediados de decembro.
Ás 11,45 h. prevese a recepción de autoridades e convidados na Praza do Mercado. O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez González e o Alcalde José Manuel Mato Díaz presidirán os actos.
Ás 12,00, será inaugurado o MONUMENTO AOS CABALEIROS DE SANTIAGO, protectores do Camiño e dos Peregrinos, obra de Cándido Pazos. Descubrirán o Monumento e falarán o Alcalde, o escultor e o Conselleiro.
A continuación, no Edificio Multiusos, percorrido polas exposicións:
* “Do tempo das luces…” – Fotos antigas de xentes de Paradela, inicio do Arquivo Fotográfico do Concello.
* “Paradela, senda infinita” – “Viaxe” pola historia e realidade do Concello.
* “Manuel Rodríguez López, 2.0” – Exposición audiovisual, Homenaxe ao escritor, Fillo predilecto de Paradela.
* Escultura do Paradelense ÁLVARO DE LA VEGA, coa que se suma á celebración.
De seguido, Acto de inauguracion, con intervencións do Alcalde dando a benvida aos asistentes; o historiador Xaime Felix López Arias (Arlindo); Xulio Xiz, resumindo as celebracións; o fillo predilecto de Paradela, Diego López Rodríguez; a Presidenta da Asociación de Mulleres de Paradela, Rocío Domínguez Brea; a ilustradora Fani Padullés; as alumnas de 3º da ESO María Bergantiños Domínguez, de Santa Cristina e Lidia Regueiro Arias, de Aldosende; e o Conselleiro Román Rodríguez González. O cantautor de Becerreá, Alfredo González Vilela cantará dúas cancións sobre poemas do seu amigo Manuel Rodríguez López. Ao remate, ofrecerase aos presentes viño da Ribeira Sacra con pinchos do País.
* Entregaranse aos asistentes a monografía “Os 200 anos do Concello de Paradela”, de Xaime F. López Arias e os catálogos das tres exposicións.
* Estas mostras estarán durante o verán en Paradela. De setembro a decembro, “Paradela, senda infinita” e “Manuel Rodríguez López, 2.0” viaxarán a Lugo, Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria, Portomarìn, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago e A Coruña.