Biden, acto final.

“Morir matando”. Así cualificou o presidente da Duma rusa, Viacheslav Volodin, a información filtrada polo Washington Post sobre a presunta aprobación do presidente Joseph Biden de prover a Ucraína de misiles estadounidenses de longo alcance (ATACMS) para atacar territorio ruso. Esta información foi confirmada polo representante da UE para a Política Exterior e de Seguridade, Josep Borrell, quen informou que EEUU permitirá a Ucraína atacar obxectivos ata 300 quilometros dentro de territorio ruso.

“Unha nova fase”. Así interpretou o presidente ruso Vladimir Putin esta información que evidentemente abre un compás, quizáis inesperado, dentro da guerra en Ucraína. Un compás determinado polo baixo perfil que ten o presidente ucraíno Volodymir Zelenski, atenazado ante unha previsible ofensiva xeral rusa con presunto apoio de soldados norcoreanos, uns 10.000 segundo medios estadounidenses. Un escenario que implica que, vía Biden, a OTAN involucraríase definitivamente no futuro da guerra ruso-ucraína. En Suecia e Finlandia, novos membros da OTAN, os seus respectivos gobernos chamaron a “prepararse para a guerra”.

Unha ofensiva que ten prácticamente neutralizado o sistema eléctrico e enerxético ucraíno ante o cru inverno que está á volta da esquina. Unha ofensiva que nos últimos días tense concentrado en puntos clave como o porto de Odesa no Mar Negro, un enclave estratéxico tan importante como o de Jarkóv no centro ucraíno e que serán os “puntos quentes” desa “nova fase” na que ingresa o conflito ucraíno con vistas ao final da “era Biden” e cunha nova presidencia ás portas na Casa Branca.

Non é casualidade que a filtración do Washington Post veña despois do primeiro encontro entre Biden e o futuro presidente Donald Trump na que aseguraron unha “transición tranquila”, evidentemente despexando as inquietudes que se cernen co retorno de Trump á Casa Branca.

Alén da sintonía que poda ter con Putin, Trump asume a realpolitik como política inalterable para garantir os intereses estadounidenses. E isto o sabe Biden, razón pola que tenta “atar” a Trump co eses compromisos da OTAN para garantir que Ucraína (con ou sen Zelenski no poder) sega baixo a súa área de influencia.

“Alén da sintonía que poda ter con Putin, Trump asume a realpolitik como política inalterable para garantir os intereses estadounidenses. E isto o sabe Biden”

A designación do cubano-estadounidense Marco Rubio como novo Secretario de Estado é unha clave a ter en conta. Os aliados hemisféricos de Rusia e China, principalmente Venezuela, Cuba e Nicaragua, terán as cousas máis difíciles co retorno de Trump á Casa Branca. “Non sobrevivirán catro anos con Trump na presidencia”, informaron fontes próximas ao novo presidente estadounidense.

Está por ver ata que punto esta filtración do Washington Post terá unha incidencia decisiva na política de Washington co respecto ao conflito ruso-ucraíno con Trump de retorno cun poder prácticamente absoluto, controlando o Congreso, o Senado e o poder xudicial. O vindeiro presidente estadounidense non ten unha especial atención á guerra en Ucraína nin tampouco aos compromisos que Biden “atou” coa OTAN para garantir a Zelensky no poder. O crebacabezas de Trump chámase China, non Rusia. Impulsar unha solución negociada en Ucraína que acepte o status quo (e isto implica aceptar as ganancias territoriais rusas) é algo que Biden e Zelensky non aceptarán. Velaí que os ATACMS entren en escena.

A escasas semanas da “transición tranquila” na Casa Branca, Biden tenta asegurar un legado que se asume caótico e visiblemente contraproducente aos seus intereses. O recente cumio dos BRICS en Kazán certificou que Putin ten ben trazado o camiño: fortalecer un eixe sino-ruso que amplíe as súas perspectivas multipolares cara un Sur que comeza a restar importancia a Occidente, preparando o escenario para un “Trump II” que advirte cambios vertixinosos na xeopolítica global.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.