Ourense | Logo de coñecerse que o actual alcalde do Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, vén de remitirlle unha carta ao PP solicitando a súa volta ao goberno local, o grupo municipal do BNG ten claro que o que revela é a “desesperación e a incapacidade de Jácome para gobernar”, algo que lembran os nacionalistas, “vimos advertindo desde a fuxida do goberno do PP. Con tres concelleiros non se pode gobernar a terceira cidade do país”.
“Na carta, Jácome alude a unha serie de compromisos que ao seu entender debe asumir a Xunta de Galicia para con Ourense”
Na carta, Jácome alude a unha serie de compromisos que ao seu entender debe asumir a Xunta de Galicia para con Ourense. Para o portavoz no concello do BNG Luís Seara, “as solicitudes formuladas revelan que o alcalde vive encerrado no despacho e que non coñece a realidade do concello e as necesidades das veciñas e veciños”.
Para Seara, “resulta incomprensíbel que non faga ningunha referencia a un dos principais motores económicos e que nos diferenza do resto como é o termalismo, logo de acusar á propia Xunta da situación actual”.
Tamén chama a atención dos nacionalistas que solicite a posta en marcha dun plan de choque para paliar a decadencia e perda poboacional e de actividade económica da zona histórica cando, tal e como afirma Seara, “vive absolutamente de costas a esta zona.
Precísanse actuacións concretas e urxentes tal e como vimos reclamando desde o BNG, mais o desleixo para coa zona histórica por parte do alcalde é total e absoluta pois entre outras cousas, segue sen avanzar no PEP-OU”.
No BNG botan tamén de menos referencias á situación dos Servizos Sociais e a solicitude de reforzo dos mesmos xa que segundo o propio Jácome “son competencia da Xunta e do Estado e non do concello, algo que por certo non é verdade”.
Conclúe Luís Seara, “unha chamada desesperada de auxilio a quenes o colocaron na Alcaldía para logo abandonar o barco e deixar ao concello sumido no caos e na parálise”
“Un PP que é o verdadeiro responsábel desta situación e ao que se esiximos decida canto antes que é o que vai facer”
“Un PP que é o verdadeiro responsábel desta situación e ao que se esiximos decida canto antes que é o que vai facer, pois xa está ben de xogar con Ourense, un Ourense que aínda que eles pensen que sí, non é da súa propiedade”, concluíu o portavoz nacionalista.