A Guarda/BNG | O BNG considera que estamos diante dun goberno absolutamente incapaz de afrontar os grandes temas que son fundamentais para darlle futuro a Guarda nos vindeiros anos. Da parálise na que está instalado o goberno do PP e Fariñas é unha boa mostra, que a día de hoxe, non teñan como mínimo, un borrador dos orzamentos para o ano 2024.
No relativo á piscina municipal, non foron capaces de dar un paso adiante en 7 meses. Seguimos sen proxecto de reforma (a pesar de contar cunha subvención de 1.500.000 €), sen pregos de explotación, sendo coñecedores de que a empresa concesionaria anunciou en varias ocasións a intención de deixar de prestar o servizo pola situación de precariedade na que se atopa a piscina.
Nada se ten avanzado co novo acceso ao porto, paralizado pola falta de criterio a nivel municipal e por unha Xunta de Galiza que mira para outro lado.
A conexión con Caminha segue sen servizo desde finais do verán, tampouco parece estar na axenda do Alcalde, a pesares de ocupar o cargo de responsábel de Cooperación Transfronteiriza na Deputación de Pontevedra.
Resulta preocupante tamén a xestión do lixo, por non ter dado ningún paso para adaptarse á nova normativa de residuos o que previsibelmente vai provocar importantes sancións para o Concello da Guarda no futuro.
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz considera “ que este goberno ademais de ser incapaz de afrontar cun mínimo de seriedade os grandes retos de futuro que ten a Guarda tampouco e quen de atender o día a día da vida municipal” para acabar concluíndo “estamos diante dun goberno sen rumbo, sen dedicación e con pouca atención aos cidadáns”.