A Guarda/BNG | Ante a incerteza de todo canto está a acontecer no tocante a limpeza das praias o BNG urxe sumar esforzos, coordinar e formar o voluntariado, pero sobre todo esixir o compromiso real das administracións competentes na materia que a día de hoxe non existe.
O portavoz municipal do BNG manifestou “temos que estar preparados ante unha previsibel afectación da costa da Guarda. Cumpre elaborar un plan de continxencia e adiantarse na medida do posíbel aos acontecementos. A experiencia dos concellos onde goberna o BNG dinos que estes plans non están contando ca axuda dun goberno da Xunta desaparecido, adicado máis ben á batalla electoralista co goberno do Estado que a solucionar o problema que estamos a vivir no mar. Toca limpar, traballar e facelo ben, e ata hoxe os concellos onde ten chegado a vertedura están totalmente sós”.
Ao nacionalista preocúpalle a posición do goberno galego, máis pendente da precampaña electoral que de atallar as graves consecuencias que pode deixar no sector pesqueiro e no medio ambiente esta vertedura e manifesta “non é de recibo que a Xunta derive a responsabilidade da limpeza das praias aos concellos, como si se tratara dunha simple posta a punto das praias na tempada estival”.
Anxo Baz concluíu dicindo “A sociedade guardesa ten dereito a saber si o goberno local está dando algún paso ou simplemente está de brazos cruzados agardando a que os pellets invadan a nosa costa. Si ten algún dispositivo preparado e en que consiste. Si contamos cos materiais para a limpeza de praias necesario. Si a Xunta de Galiza despregou nesta comarca algún efectivo. En resumo o BNG esixe un plan que permita abordar con eficacia a posíbel chegada dos pellets a costa guardesa”.