A Guarda/BNG | O PP da Guarda trata de desviar a atención sobre os apaños aos que chega co PSOE repetindo permanentemente a mentira de que “o BNG é socio de goberno de Antonio Lomba”, a pesar de que todo o pobo da Guarda sabe que o BNG non forma parte do goberno municipal.
Esta maneira tan absurda de proceder do PP, é unha mostra clara da desesperación e nerviosismo do líder do PP por ocultar a veciñanza os acordos vergoñentos e contrarios aos intereses dos guardeses e guardesas aos que chega co PSOE de Antonio Lomba.
O PP da Guarda é cómplice co goberno do PSOE de intentar eliminar 12.000 m² de solo público para equipamentos, zonas verdes e aparcamentos no entorno do antigo campo de fútbol do Trega (PERI 5). Tamén son cómplices do goberno de Antonio Lomba en atrasar e ter paralizado o acceso sur ao porto da Guarda a pesar das advertencias do BNG.
O cinismo do portavoz do PP, ponse de manifesto unha vez máis cando acusa ao BNG da inoperancia do goberno do PSOE na xestión da piscina. Dase a circunstancia ademais que fronte ao silencio do PP neste asunto no último pleno, o BNG demandou explicacións ao goberno municipal.
O portavoz municipal do BNG Anxo Baz manifesta “ a ausencia de proxecto do PP e do PSOE para a Guarda coinciden plenamente. Carecen dun deseño alternativo e de futuro para o pobo da Guarda e a política do PP consiste en tratar de distraer a veciñanza para tapar as súas falcatruadas”.
BNG Baiona aposta polos servizos municipais
Por outra banda, o Bloque Nacionalista Galego en Baiona considera a xestión pública directa da administración e dos servizos públicos como a fórmula que mellor garante o funcionamento de calidade e interese público da veciñanza.
A problemática da xestión municipal dos servizos públicos non son as traballadoras e os traballadores son as Leis do Estado que implantou o Partido Popular no goberno de M.Rajoy, nomeadamente a chamada “Lei Montoro”, que impide e/ou limita á contratación de emprego público destinado á creación, reforzo e ampliación de servizos públicos locais.
Esta lexislación obriga ao noso Concello a un elevado gasto municipal para contratar empresas privadas que dean o servizo público. Estes concursos e licitacións teñen que ser por servizos determinados e puntuais o que encarece o seu custe. Ademais do tempo de traballo que supón as traballadoras e traballadores do Concello para preparar os pregos de condicións, contratacións, etc…
O B.N.G. de Baiona aposta e considera como solución para mellorar os servizos públicos municipais a derogación das Leis estatais que impiden a contratación de persoal para poder dar un servizo público municipal e de calidade.
Xa que logo, solicitamos ao actual goberno do Estado que de xeito urxente derogue a “Lei Montoro” porque non favorece os intereses das Baionesas e Baioneses.