A Guarda/BNG | O portavoz municipal do BNG no Concello da Guarda, Anxo Baz, manifestou no debate sobre os orzamentos para o ano 2024 que “non van servir para mellorar a vida dos guardeses e guardesas, para o único que poden valer é para evidenciar as mentiras do Alcalde Roberto Carrero á cidadanía.
Sirva como exemplo que non adiquen nin un só euro á compra dos terreos para a construción do CIS (Centro Integrado de Sanidade) que anunciaron aos catro ventos na campaña das eleccións galegas con pantomima incluída da sinatura dun convenio co Conselleiro de Sanidade”.
O nacionalista tamén lle afeou ao goberno municipal “que carecen de ambición e non pasan de ser un exercicio contable ademais de chegar tarde como demostra que xa gastaron máis de 615.000 €, algo máis do 8% do total dos orzamentos antes da súa aprobación”.
Anxo Baz, noutro momento da súa intervención tamén amosou a súa preocupación porque as inversións reais baixan un 40% respecto aos últimos orzamentos aprobados no 2021, pasando de 106.143,12 € a 64.273,97€ no 2024, e destacou “os orzamentos son o documento económico no que se sustenta un proxecto de pobo. E nós nestes orzamentos non vemos nin rastro de ningún dos proxectos que precisa A Guarda. Con casi 42.000 € menos para inversións reais, semella que o cambio de rumbo non vai desta. O que si teremos é máis do mesmo: abandono, deixadez, e pasividade”.