A Guarda/BNG | A portavoz do BNG no Concello da Guarda, Anxo Baz acompañado da concelleira Beatriz Lomba acudiron hoxe a concentración que manteñen desde o 2 de novembro as traballadoras do Servizo de Atención ao Fogar (SAF).
No encontro coas traballadoras reiteráronlle o seu apoio ao tempo que lles informaron da moción que veñen de presentar esixindo a Xunta de Galiza que asuma as súas responsabilidades e medie na busca dunha solución para os graves problemas salariais e laborais que afectan as traballadoras.
Na moción presentada tamén se insta ao goberno municipal a sacar unha nova licitación ou ben a municipalizar o servizo. A actual está caducada co conseguinte prexuízo para as traballadoras.
Segundo os nacionalistas a deixadez da Xunta infrafinanciando unha competencia que non asume e deixándoa nas mans dos concellos está repercutindo dun xeito moi grave nas economías municipais, así como, na situación laboral das traballadoras e na calidade asistencial.
O portavoz nacionalista afirmou “Coidar de quen nos coida ten que ser algo máis que un slogan publicitario, non podemos permitir que en función da capacidade orzamentaria ou da vontade do concello a situación laboral das traballadoras mude e a prestación dun servizo tan necesario como básico sexa dunha ou outra calidade”.
Anxo Baz rematou concluíndo “As traballadoras do SAF están en folga para defender os seus dereitos laborais pero tamén os das persoas usuarias que son quen sofre, colateralmente, as consecuencias dun servizo sostido na precariedade laboral”.