A Guarda/BNG | O grupo municipal do BNG na Guarda non apoiará a suba da contribución (IBI) do 22% que o Partido Popular e Fariñas pretenden facer pagar á veciñanza do municipio.
Para as e os nacionalistas a subida do gravame do 0,5 ao 0,61 está totalmente “inxustificada”, xa que non está sustentada en ningún tipo de estudo económico nin suporá ningunha mellora directa para a vila nin en servizos nin en investimentos.
O BNG destaca que a suba do PP só fará que a veciñanza da Guarda soporte unha das presións fiscais máis altas da provincia, posto que só Vigo e Pontevedra cobran por riba da cifra proposta polo novo alcalde Roberto Carrero.
O grupo municipal cuestionou no Pleno a motivación que leva ao novo goberno a subir o IBI, cando de maneira xeral o PP presume de defender as baixadas de impostos e o liberalismo que claro está sempre beneficia aos que máis teñen.
Preguntou que ten cambiado con respecto a hai un ano cando, na oposición, o grupo popular falaba de que guardesas e guardeses debían facer fronte na súa vida diaria a “facturas disparatadas” de gas, luz e carburantes, e votou en contra da subida da Plusvalía para adaptala á lei a pesares de estar motivada por unha sentenza do Tribunal Constitucional.
“Sorprende que a primeira medida do grupo de goberno sexa unha suba de impostos cando hai un ano e dende a oposición demandaba rebaixas nos impostos municipais. Non é o mesmo estar na oposición que no goberno, verdade?”, subliñou o portavoz nacionalista.
O grupo nacionalista do BNG recoñeceu que os impostos municipais como IBI son unha fonte importante de ingresos para os concellos, que igual que a cidadanía deben facer fronte ao incremento xeneralizados dos prezo e á asunción de competencias impropias -como son o servizo de Axuda ao Fogar, que deberan ser atendidas pola Xunta de Galiza-.
Máis insistiu en que propostas como a do PP para o IBI deben estar correctamente xustificadas cun estudo económico, ademais de explicar a que irá destinado o aumento nos ingresos.