Madrid | A senadora do BNG, Carme da Silva, anuncia un acordo co Goberno do Estado a respecto das bonificacións de até 75% da AP-53 e a súa aprobación no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non haxa novos orzamentos do Estado. Este acordo obedece ao recollido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG en 2023 e, ademais, a senadora nacionalista avanza que na vindeira reunión do Consello de Ministras e Ministros se aprobará o Decreto para o aumento das bonificacións nas peaxes da AP-9, entrando en vigor o próximo 1 de xaneiro.
Co obxectivo de cumprir o estabelecido no Acordo de Investidura conseguido polo BNG o pasado ano, o Goberno vén de confirmar á organización nacionalista o seu compromiso para axilizar as bonificacións para as persoas usuarias da AP-53. “Acordamos co Goberno que, no primeiro trimestre de 2025, haxa ou non haxa un novo Orzamento do Estado, se aprobarán as bonificacións de até 75% para as persoas usuarias desta autoestrada” avanza Carme da Silva.
“Isto vai supor que unha persoa usuaria da AP-53 que faga o traxecto Lalín-Santiago pasará de pagar 13,4€ a 3,35€. Seguiremos a traballar para que tamén esta autoestrada sexa libre de peaxes e galega” subliña a senadora do BNG. Sobre as novas bonificacións da AP-9, a senadora do BNG avanza que durante a vindeira reunión do Consello de Ministros e Ministras se aprobará o Decreto para que a partir do 1 de xaneiro de 2025 entren en vigor as rebaixas de até 75%.
“Co traballo político do BNG, na defensa dos intereses dos galegos e das galegas, imos conseguindo avances para a Galiza. Pola contra, o Partido Popular, lembra a senadora Carme da Silva, foi o “responsábel doloso” de que a Galiza teña as autoestradas coas portaxes máis caras do Estado, mesmo as de maior duración concesional e de dubidosa legalidade”.