Ponteareas/BNG | O BNG reaccionou ao anuncio do goberno de Nava Castro de que o edificio da Praza Maior de Ponteareas rehabilitado para crear un Centro Cívico será finalmente unha residencia de artistas e sede da UNED. Castro anunciou unha residencia con pensión completa e gratuíta para artistas onde estaba previsto o uso para asociacións, mocidade e servizos sociais
O Bloque lembra que o edificio, de tres plantas e 900m2, foi adquirido polo goberno liderado polo BNG, que logrou fondos europeos para rehabilitalo e dotalo con distintos servizos municipais e actividades, como un espazo para a mocidade, salas para obradoiros, cursos e reunións para as asociacións e colectivos, servizo de atención temperá, oficina de información e espazo cultural e de exposicións. Agora, Nava Castro anunciou que será “unha residencia con pensión completa, pública e de uso gratuíto para creadores e artistas, así como para que a UNED imparta cursos”.
O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, acusou ao goberno de Castro de “mentir descaradamente á veciñanza co cambio de uso deste edificio cando asegurou nos pasados meses que o edificio mantería o uso previsto. A concelleira de Urbanismo asegurou, a preguntas do BNG, que non se solicitara ao Ministerio ningunha modificación porque non había cambio de uso, que seguía sendo o de Centro Cívico pero ampliándoo tamén a residencia de artistas. Agora, non só anuncian o cambio de uso e lle engaden outros, senón que aseguran ter luz verde do Ministerio para isto, cando o que validou o Ministerio foi a convivencia entre ambos usos”, sinala Bouzó.
Así mesmo, o portavoz nacionalista denunciou a opacidade do goberno de Castro ante unha obra que xurdiu para dar resposta á necesidade de Ponteareas de contar con novas instalacións que acollan e faciliten a actividade social, cultural ou formativa que promoven o Concello e as diferentes asociacións.
“O goberno do BNG levou a cabo un longo proceso coa participación de diversas entidades sociais, asociacións e do Consello da Infancia e Adolescencia de Ponteareas, por seren os principais destinatarios deste espazo. Pero Nava Castro e o PP, tras a súa chegada ao goberno ignoraron aos colectivos e mesmo utilizaron miserablemente a algúns deles. Fixéronos asinar un documento para enganar ao Ministerio dicindo que as entidades solicitaban unha residencia de artistas no edificio, prometéndolles que así lles permitirían aloxar neses dormitorios a persoas ou grupos musicais de fóra que participasen nos seus festivais”, asegurou Bouzó.
“Con este capricho de abrir un albergue público no centro da vila, o goberno castiga ao tecido social, ás asociacións que levan anos demandando espazos municipais para desenvolver a súa actividade, ás familias que precisan conciliar e ás mozas e mozos que se implicaron para que Ponteareas contase por fin cun espazo para elas”, sinalou o concelleiro do Bloque.
“O goberno de Nava Castro, Juan Carlos González e Mingos Freitas prexudicará tamén ao comercio local e a hostalaría, xa que o aloxamento gratuíto con pensión completa de artistas e persoal técnico neste edificio suporá a utilización de fondos públicos para exercer unha competencia desleal contra o sector, en vez de destinalos ao fomento do comercio e a hostalaría local e a necesidades reais da poboación”, engadiu. “Unha vez máis, o goberno tripartito actúa de xeito irresponsábel só para desfacer os avances logrados polo anterior goberno do Bloque e cumprir os caprichos da alcaldesa, que quixo aproveitar o traballo que atopou para crear unha residencia de artistas en vez de atender as necesidades dos colectivos sociais”, lamenta o BNG, que cuestiona se hai algún outro interese oculto tras este capricho persoal.
Miguel Bouzó informou que, tras o remate do período ordinario de xustificación dos fondos europeos que financian a rehabilitación do edificio, e ante o incumprimento da alcaldesa de render contas ao finalizar o prazo de execución das obras financiadas cos fondos, o BNG esixiu formalmente a convocatoria inmediata da Comisión de seguimento, onde o goberno terá que dar explicacións de todos os pasos dados na tramitación desta obra e responder ante as posíbeis irregularidades.