Baiona/BNG | O Bloque Nacionalista Galego en Baiona considera prioritario que o excelente servizo que ven dando cada ano a Escola de Música Municipal de Baiona á veciñanza en xeral, e as nenas e nenos en particular, como mínimo, mantéñase.
Para iso é indispensábel que o profesorado teña unha estabilidade laboral e realice as súas funcións nas horas necesarias para obter a mellor calidade do servizo, as máximas disciplinas e para o máximo posíbel de veciñas e veciños.
O grupo nacionalista entende que o actual proceso de estabilización do emprego temporal é unha oportunidade para adecuarse a realidade do servizo e para recoñecer laboralmente as horas reais que o profesorado ven realizando de cara aos novos postos como persoal fixo do Concello de Baiona.
Así o portavoz de BNG, Iago Pereira, trasladou ao actual Alcalde, o Sr. Vázquez Almuiña, a disposición de apoiar que se recoñezan as horas reais no proceso de estabilización a traballadoras e traballadores da Escola de Música.
O PP. entende que debe recoñecer ao persoal só as horas recoñecidas por sentenzas xudiciais. Sentenzas baseadas nas horas que se daban fai 15 anos e que non teñen en conta todas as ampliacións de xornada que tiveron ao longo deste tempo produto do crecemento da escola e as necesidades actuais.
Polo tanto, de levarse a cabo esta decisión, implicará unha drástica redución da xornada do profesorado que obrigará a escola a deixar de impartir materias como linguaxe musical e actividades como coro, banda ou batucada.
Ao mesmo tempo implica non poder atender toda a demanda existente, deixando moitos alumnos en lista de agarda ou incluso cancelando matrículas xa formalizadas. O actual goberno manifestou en prensa como solución o aumento do 30% das horas recoñecidas por sentenzas e cubrir o resto con contratacións externas.
Deixando claro unha interesada interpretación do Estatuto Xeral das Traballadoras e Traballadores, un aumento do custo do servizo e pouca vontade de situar as necesidades da veciñanza e do profesorado como primordial.