Baiona/BNG | A Dirección Xeral de calidade ambiental, sostibilidade e cambio climático ven de facer pública a Declaración de Impacto Ambiental (D.I.A.) relativa ao proxecto de construción do Parque eólico Toroña nos concellos de Baiona, Tomiño, O Rosal e Oia que contemplaba a colocación de 10 aeroxeradores de máis de 100 metros de altura, dos cales, 3 proxéctanse no concello de Baiona.
O informe dá a razón as alegacións presentadas polo BNG en Baiona e resolve en base aos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural en relación aos bens patrimoniais que se verían afectados pola infraestrutura do parque eólico, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos impactos acusados do proxecto sobre a conservación dos hábitats das especies de aves rapaces existentes no entorno, da Dirección Xeral de Saúde Pública en relación a os efectos do ruído e parpadeo de sombras sobre a saúde das persoas, e do Instituto de Estudos do Territorio en canto o impacto visual dos aeroxeradores na paisaxe, considerando que a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular unha declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto.
Dende o Bloque Nacionalista de Baiona amosamos a nosa satisfación desta Declaración de Impacto Ambiental xa que entendemos e partillamos a resolución citada: O brutal impacto paisaxístico, patrimonial e medioambiental para a Serra da Groba sería moi perxudicial. O BNG apostamos polas enerxías renovábeis dentro dun modelo integral de ordeamento do territorio e que sexan sostibles e respectuosos co medio, co patrimonio e deben contar coa información e participación social axeitada.
Xa que logo, deben estar integrados nunha ordenación do territorio onde os titulares das terras afectadas teñan poder de decisión para que poidan ser levados a efecto. Non como fixo o PP de Baiona que nunca amosou o rexeitamento a ningún dos proxectos eólicos que ameazaban ao noso Concello e sempre apoiou ao goberno do PP da Xunta de Galiza que aprobou a Lei fomento de implantación de iniciativas empresariais, que elimina o poder de decisión das e dos titulares das terras sobre a implantación dos proxectos. Aparte de activar a tramitación administrativa de outros 975 proxectos industriais na época da pandemia.