Vigo | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, diríxese á Comisión Europea, en concreto ao Alto Representante de Política Exterior da UE, co obxectivo de que a delegación da Unión Europea en Arxentina aclare as amplas consecuencias económicas e alimentarias que pode ter as decisións do presidente arxentino, Javier Milei, que pretende derrogar por decreto os dereitos pesqueiros das embarcacións de capital galego.
“Ademais das repercusións nas empresas galegas é fundamental coñecer como vai repercutir no abastecemento de pesca en Galiza e Europa”, sinala Miranda en referencia á denominada Lei Omnibus do presidente arxentino, que prevé a liberalización do sector pesqueiro do país andino mediante unha poxa dos dereitos pesqueiros.
“Que calado está o PP”, comenta ironicamente a eurodeputada do BNG ao respecto, quen critica “a alegría coa que o PP apoiou a Milei no proceso electoral arxentino sen ter en conta as repercusións das súas propostas para na economía galega”. “Este apoio reflicte perfectamente o que lle importa Galiza ao Partido Popular, ou sexa nada”, sinala Miranda ao tempo que denuncia a parálise do goberno galego na defensa das empresas pesqueiras galegas.
Por outro lado, Ana Miranda lembra que existe un acordo de cooperación comercial e económica entre a Unión Europea e Arxentina, que desde 1990 marca os específicos de cooperación en materia de pesca, usos da enerxía nuclear e a cooperación científica e tecnolóxica. “En que punto queda este acordo de cooperación á vista das intencións do presidente arxentino?”, pregúntase a eurodeputada nacionalista, quen ademais salienta os numerosos lazos de unión entre Arxentina e Galiza.