Crecente/BNG | Os gobernos do PP en Crecente e na Xunta de Galiza evitan informar sobre a posible implantación deste novo parque agroforestal no concello de Crecente. A falta de información e o escurantismo dos populares xera gran malestar e desconfianza na veciñanza, pois semella que tanto o Concello coma a Xunta están actuando en contra dos intereses das propietarias.
Co fin de clarexar o que suporá para a veciñanza o polígono agroforestal de Mandelos, o pasado sábado día 19 de marzo o BNG organizou un acto informativo no auditorio municipal de Crecente. A participación de Benigno López, portavoz do grupo municipal do BNG na localidade, e da Deputada nacionalista María Albert, axudou a clarexar a lei de recuperación de terras, explicando como un proxecto deste tipo afecta ao entorno e á veciñanza.
“Foi un acto moi produtivo e axudou a que a veciñanza tivese información clara sobre o que podería ocorrer coas parcelas afectadas”, declarou Benigno López, quen lamentou que “O Goberno continua coa súa política escurantista e de desinformación. A veciñanza non ten nin o máis mínimo dato a respecto deste polígono”.
Pola súa parte o Responsable Comarcal do BNG do Condado-Paradanta, Mauro Chivite, sinalou que “As praxes que están a ser empregadas sinalan a que o proxecto rematará en mans privadas, polo que a Xunta estaría exercendo de intermediaria dunha empresa”, e resolve: “Non é normal que a veciñanza reciba correo da Xunta pedindo cesión ou venta de terras sen aclarar absolutamente nada e que incluso se chegue a pedir un número de conta bancaria sen sequera indicar o valor das súas propiedades”.