Ponteareas/BNG | O BNG apoiou na mañá deste luns as protestas da comunidade educativa ponteareá, tras a desorganización e abandono da Xunta e do Concello neste inicio de curso. Concelleiras e concelleiros do BNG ponteareán, entre as que se atopaba a deputada no Parlamento Galego Cristina Fernández, sumáronse á concentración que ducias de familias realizaron esta mañá ás portas do CEIP Fermín Bouza Brey, mentres no interior o profesorado e o alumnado permanecía no patio a modo de protesta.
O Bloque denuncia que este centro, que aumentou o alumnado matriculado nos últimos cursos, conta cunha elevada ratio en 5º de infantil “pola decisión da Xunta de non dividir unha aula con 25 alumnos/as. Mentres noutros centros da localidade concedeu o desdobre con menos alumnado, o goberno do PP na Xunta impídeo nesta aula do Fermín Bouza Brey, impedindo tamén novas matriculacións para evitar dotar ao centro de máis profesorado”.
Esta nova situación “súmase á falta de profesorado que xa padecía o centro, que se agrava no caso da atención ao alumnado con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE)”, revela o BNG. Así mesmo o BNG lamenta que a Consellería de Educación deixe “case unha vintena de nenas e nenos sen praza de comedor, a pesar contar con espazo libre para ofertalas, impedindo así dar resposta á necesidade dun servizo básico para as familias que precisan conciliar a vida familiar e laboral dende o inicio do curso”.
Ameazas da Xunta
A situación deste centro provocou a protesta do claustro de profesorado, que decidiu permanecer no patio co alumnado o primeiro día do curso escolar, así como a dimisión do equipo directivo.
“A Xunta, que non reaccionou a dita dimisión, só se preocupou de contactar co centro a través da inspección educativa para ameazar ao profesorado polas súas protestas, pero non demostrou a mesma axilidade para resolver os verdadeiros problemas deste centro”.
O Bloque denuncia estas actuacións “intimidatorias e persecutorias”, e lembra que a obriga da Xunta é “solucionar o problema que crearon e non tentar silenciar con ameazas ás e aos profesionais que buscan o benestar do alumnado”.
Así mesmo, o Bloque asegura que a falta de profesorado non é exclusiva do Bouza Brey, senón que “é un problema do conxunto dos centros educativos de Ponteareas, que sofren carencias especialmente no ámbito da diversidade, non contando con recursos suficientes para a atención do alumnado con necesidades específicas.
Falta de planificación e abandono do Concello
O inicio do curso escolar deixa en evidencia, segundo a formación nacionalista, a falta de planificación e de xestión do goberno local do PP de Nava Castro. O BNG lamenta que “o concelleiro de Educación e Cultura nin está nin se lle espera: os centros educativos, ante a súa desidia e o seu descoñecemento da realidade educativa da localidade, tiveron que chamar ao Concello rogando atención e lembrando que inicia o curso para que a administración local actúe no marco das súas competencias”.
En termos xerais, durante o verán “non houbo mantemento dos centros, nalgúns casos por non contar con substitución de conserxe durante as súas vacacións, e nas aulas rurais o Concello só actuou cun desbroce apresurado a última hora, cando pais e nais fixeron público o abandono con fotografías de maleza cubrindo os xogos dos parques infantís nos patios”
O BNG comprométese a traballar no Concello e no Parlamento Galego para defender os dereitos e o benestar da comunidade educativa, “para que as familias non padezan os recortes do PP na Xunta nin a incompetencia, o descoñecemento e a falta de xestión do novo concelleiro de Educación e Cultura do goberno local do PP”.