BNG defende a igualdade para o galego en Europa

Ana Miranda: "o recoñecemento do galego implicaría o recoñecemento oficial de Galiza como nación na UE"

Bruxelas/BNG | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defende que se recoñeza a oficialidade do galego -así como o catalán e o éuscaro- como linguas de traballo na Unión Europea e acade a igualdade lingüística que merece para a súa normalización.

“Agardamos que a decisión que tome o Consello da UE sexa positiva porque o galego ten que ser tratado en igualdade a respecto de outras linguas europeas”, salientou Miranda en relación ao debate que mañá terá lugar sobre a solicitude do goberno español que se discutirá mañá no Consello da Unión Europea para que galego, catalán e éuscaro sexan oficiais.

“Estamos falando de dereitos lingüísticos e as galegas e galegos debemos ser tratados con igualdade en Europa, porque non se pode entender Europa sen a diversidade de nacións e linguas dos Pobos europeos” explicou a eurodeputada nacionalista na comparecencia na que participaron diversos colectivos que defenden a oficialidade destas tres linguas, e que foron acompañados por eurodeputadas e eurodeputados de diferentes grupos parlamentares.

Así, na rolda de prensa dos colectivos de defensa das linguas minorizadas intergrados na Rede Europea de Igualdade Lingüística ELEN, tomaron a palabra Elsa Quintas, en representación da Mesa pola Normalización Lingüística; Daniel Mundet, representando á Plataforma per la Llengua; Elena Jiménez, en nome de Òmnium Cultural; Lena Serra, en reprsentación de Obra Cultural Balea: Idurre Eskisabel, representando a Euskalgintzaren Kontseilua; David Minoves, en nome do CIEMEN; e Davyth Hicks, en representación de ELEN.

Estes colectivos de defensa das linguas integrados en ELEN reclamaron a oficialidade das tres linguas e o seu pleno recoñecemento. Consideraron que o seu impacto sería moi positivo e un paso adiante para o recoñecemento e o estatus oficial na UE protexendo así os dereitos lingüísticos das persoas falantes desas linguas.

Diversidade
“O BNG defende a diversidade lingüística e cultural que representan as nacións sen Estado, fronte as políticas de uniformización imposta polos Estados e, por activa ou por pasiva, avaladas pola UE”, destacou a eurodeputada nacionalista respecto as reticencias de determinados estados no recoñecemento desa diversidade que mañá debaterá o Consello de Asuntos Xerais da UE.

Críticas aos acordos comerciais UE-América Latina
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participou hoxe nas xornadas “Por unha Economía Global, Xusta e Sostible”, manifestou a súa preocupación polos acordos comerciais que mantén a Unión Europea con América Latina que prexudican os pequenos e medianos produtores galegos e considera que o eixo dos acordos deben ser a protección dos dereitos humanos e o medio ambiente.

Na conferencia -que se celebra en Compostela de xeito paralelo ao Consello de Ministros de Economía e Finanzas da UE, LATAM e Caribe- a eurodeputada nacionalista salientou o traballo desenvolvido pola Coordinadora Galega de ONGD, que integra 43 ONG que dende Galiza desenvolven un gran traballo para acadar a xustiza social e o fin das desigualdades globais. Por outro lado, criticou que as diversas entidades socias non foran convidadas a participar no Consello de Ministros. “No BNG somos moi críticas con reunións que non teñan en conta a sociedade”, apuntou Miranda ao respecto.

A eurodeputada do Bloque explicou que, na actualidade, a UE está a piques de concluír un acordo de libre comercio coa rexión do Mercosur, á vez que trata de actualizar os seus acordos comerciais con Chile e México. Ao seu xuízo, estes acordos “esquecen potenciar o desenvolvemento sostible”, xa que benefician de maneira desproporcionada ás grandes empresas agroalimentarias de América Latina e impoñen normas máis estritas aos agricultores da UE.

Formas alternativas de colaboración
Ana Miranda defendeu a necesidade de avanzar en “formas alternativas de colaboración que dean prioridade ao clima, a democracia e os dereitos humanos”. Neste sentido salientou que a UE debe apoiar estes esforzos cun financiamento adecuado, centrándose en áreas como a investigación científica, a prevención da evasión fiscal, a igualdade social, a transferencia de tecnoloxía e o acceso a medicamentos.

“Desde o BNG seguiremos moi de preto as negociacións dos acordos multilaterais con América Latina e Caribe para poñer no centro da axenda a protección de dereitos humanos e do medio ambiente”, concluíu.

Conxemar 
O Bloque Nacionalista Galego reclama compromisos para blindar a continuidade de Conxemar en Vigo e tamén para acoller a oficina da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación (FAO). Así o anunciou este venres a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xunto co portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, e a deputada no Parlamento galego, Carmela González, tras manter unha xuntanza co presidente de Conxemar, Eloy García, e coa súa directora xeral, Yobana Bermúdez.

Dende a fronte nacionalista esixiron a cooperación de todas as Administracións públicas para garantir o futuro deste evento de referencia do sector pesqueiro e mar-industria, a poucos días de celebrarse a súa 24ª edición na cidade. “É necesario un maior esforzo para asegurar a continuidade estratéxica de Conxemar, para que siga sendo sinónimo de Vigo”, demandou o voceiro municipal do Bloque.

Na mesma liña, a eurodeputada nacionalista anunciou que vai trasladar a importancia desta feira ao ministro español de Pesca, Luis Planas, que estará presente na vindeira Comisión de Pesca do Parlamento europeo.

“Conxemar debe ter o apoio que merece como unha das feiras máis importantes do mundo en materia pesqueira”, salientou Miranda. E tamén no Parlamento galego para instar á Xunta a que se comprometa de verdade con este evento, que representa un sector “chave” para Vigo e para Galiza.

Oficina da FAO en Vigo
Outro dos asuntos tratados na xuntanza tivo a ver coa posibilidade de que Vigo acolla unha oficina da FAO. Dende o BNG lamentaron nese sentido a falla de avances nunha cuestión que cualificaron como “moi relevante” para unha cidade como Vigo, cun dos principais portos pesqueiros a nivel mundial.

“É o momento de pasar das palabras aos feitos, non abonda con declaracións de boas intencións”, afirmou Igrexas.

O portavoz municipal nacionalista anunciou que, entre outras iniciativas, o Bloque vai promover unha declaración institucional para que o Concello de Vigo envíe unha mensaxe “unánime e de cidade” para reclamar un compromiso decidido de todas as Administracións públicas, a principiar polo Goberno español, para albergar esta oficina da FAO.